02:58 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-12-2010

A CIG mobilizarase en febreiro fronte a Consellaría de Economía e Industria por considerar que están tratando de vender as marcas da Empresa

A especulación urbanística no sector conserveiro; o caso Alfageme

Valorar (8)

XOSÉ FERNÁNDEZ PIÑEIRO


A marca "Miau", de Alfageme, era das máis prestixiosas no sector da conserva


En Decembro de 2006 o grupo Promalar (promocións urbanísticas), compra o grupo conserveiro B. Alfageme a Promocións Louredo (tamén de promocións urbanísticas, e tapadeira e testaferro da anterior). En Xaneiro de 2007 ante esta operación, a CIG xa anuncia nos medios de comunicación a intención de Promalar de facer un pelotazo urbanístico á marxe da defensa dun proxecto industrial. Promocións Louredo inicia e remata a súa actividade con unha única operación pero non menos importante, que foi a compra en Febreiro do ano 2006 da conserveira Peña (Vilaxoán), practicamente en quebra, para -nunha operación sorprendente, comprar o grupo Alfageme nunha acción de fusión por absorción, é dicir, a deficitaria compra a solvente. A partires do mes de xuño o grupo conserveiro Alfageme pasa a ter catro centros de traballo dada a incorporación de Peña aos outros tres centros que xa tiña historicamente Alfageme (Vigo, Ribadumia e O Grove).

Para comprender esta operación especulativa é necesario coñecer as características das propiedades: Vigo (o tesouro da coroa), situado en lugar privilexiado, e taxado actualmente en 35 millóns de euros. Concesión de Obras do Porto (5.000 m.) con licenza até o ano 2040, e libre de actividade industrial da conserveira (anteriormente utilizábase como almacén e frigoríficos), taxado en 4 millóns de euros. Ribadumia taxada en 11 millóns de euros. O Grove con escasa actividade e taxada en 8 millóns de euros (obxectivo de recalificación, xa que esta moi ben situado). Peña (Vilaxoán) taxada en 12 millóns de euros. Marcas (Miau e Eureka) taxada en 11 millóns de euros. A isto teriamos que engadir o valor da maquinaria, etc., o que nos indica que o valor da compañía ascende aproximadamente a 90 millóns de euros, tal e como reflexa o informe da Administración Concursal de Xuño deste ano.

A primeiros do ano 2007, Promalar escomenza unha serie de contactos políticos tanto a nivel do Concello de Vigo como da Xunta, encamiñados a que a propiedade de Vigo fora recalificada como chan urbanístico consolidado. O Concello de Vigo así como a Consellaría do Territorio indícanlle que esta propiedade só pode calificarse como chan urbanístico non consolidado (o que significa unha baixa na súa valoración de 50 a 35 millóns de euros), ao mesmo tempo dende o Concello sinalan como paso previo chegar a un acordo coa representación sindical nun proxecto industrial que garanta os postos de traballo (a corporación xa coñecía de anos a nosa posición e por suposto da esixencia ao respecto).

Por outra banda Promalar "vendía" un proxecto de grupo industrial Conserveiro de primeiro nivel nas Consellarías de Economía, Industria, Traballo e incluso a Vicepresidencia que se resumía na construción de dúas novas plantas unha en Vigo ou área e outra no Salnés, pechando as catro existentes e realizando os activos (vendendo as propiedades) para financiar a súa construción. Mentres non realizara estes activos, necesitaba financiación. Así deste modo en Febreiro de 2007 o IGAPE avala 35 millóns de euros nunha  primeira operación. Ao mesmo tempo o documento de compromiso coa representación sindical, foi asinado no mes de maio de 2007 nos termos de garantir todos os postos de traballo, incluídas cláusulas indemnizadoras no suposto de incumprimento, por valor de 60 días indemnización por ano de antigüidade sen tope de antigüidade.

A volta do verán, iníciase unha xestión degradante no grupo, que pode caracterizarse  sinteticamente con nomeamentos de novo persoal executivo con salarios moi elevados, dándose duplicidade de cargos e funcións en algúns casos, e en outros condenando ao ostracismo a cadros de probada profesionalidade. Por outra banda lánzanse novos produtos con unha inversión en materia prima, materiais, man de obra e marketing elevadísimas en detrimento dos produtos tradicionais que nunca saíron ao mercado producíndose perdas económicas elevadas.

No curso do segundo semestre do ano 2007 a CIG chega a conclusión definitiva -por se existía algunha dúbida- de que esta era unha clara operación de especulación urbanística que allea a intención seria de levar adiante un proxecto industrial e moito menos da construción de dúas novas plantas industriais.

En Marzo de 2008, a petición da Dirección da Empresa, o IGAPE avala 9 millóns de euros sabendo que non van a cumprir o proxecto industrial. Ao mesmo tempo a Dirección da Empresa personificada na familia Lago (Juan Lago pai e Gustavo Lago fillo que é o Director Xerente de todo o grupo), informan ao Comité de Empresa de que non e posible a construción das dúas novas plantas, ("motivadas a que a calificación urbanística non a conceden como chan urbano consolidado") e anuncian un novo plan que contempla o traslado do persoal de Vigo e  Grove para Vilaxoán, mantendo tamén o centro de Ribadumia. Este plan plantexa un axuste de persoal dos 350 traballadores/as actuais a menos de 250 dos cales máis de 60 corresponden a Vigo.

A CIG OPONSE RADICALMENTE A ESE PLAN E ANUNCIA MOVILIZACIONS.

A partires de Setembro de 2008 comeza a caída libre do grupo, con impagos a provedores e retraso nos salarios do cadro de persoal. En Febreiro de 2009 a iniciativa do BNG en estreita colaboración coa CIG, preséntase no Parlamento Galego a través do parlamentario Henrique Vieites, que sempre mantivo unha estreita colaboración coa representación sindical, unha iniciativa que en síntese propuña que o Goberno Galego pilotara e impulsara todas as medidas necesarias para garantir un proxecto industrial que permitira o mantemento do emprego e a súa actividade industrial. Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade pola cámara.

A partires de Novembro de 2009, comezan as mobilizacións (folgas, peches, manifestacións etc.) impulsadas pola CIG e levadas a cabo na inmensa maioría en solitario, mentres CCOO e CGT -de maneira sospeitosa- seguían apoiando por activa e pasiva as manobras da propiedade e por suposto o inexistente plan industrial.

En Decembro de 2009 e Xaneiro de 2010, o IGAPE volve a avalar 2,4 millóns de euros dos que unha boa parte son para pagar salarios atrasados. Dende finais de Novembro de 2009, iníciase practicamente a paralización da actividade por falla de compra de materia prima, devolucións e impago a provedores, etc. Ante esta situación en Febreiro de 2010 a CIG decide presentar Demanda de Rescisión de Contratos polas razóns anteriormente expostas.

En Marzo de 2010 Henrique Vieites, en representación do BNG, volve presentar outra iniciativa no Parlamento Galego, na cal vén a incidir que o Goberno Galego, tendo en conta o nivel de avais que ten garantidos e o risco que ofrece esta situación tanto económica (para todos/as galegos/as) como de emprego, está na obriga de pilotar e dirixir as negociacións coa propiedade que leven a  entrada dun novo comprador ou novos socios para manter un proxecto industrial, xa que están demostradas as intencións dos actuais propietarios. A iniciativa, tamén recrimina o comportamento do Conselleiro de Economía e Industria que dende a aprobación da anterior proposta no Parlamento (facía un ano), non mantivo ningunha xunta coa representación sindical, mentres polo contrario anunciaba en varias ocasións -con moito fogos de artificio- nos medios de comunicación unha pronta saída positiva ao conflito. A iniciativa do BNG foi rexeitada polo PP e polo tanto pola maioría da Cámara.

En Abril de 2010 a propiedade presenta ante o Xulgado CONCURSO DE ACREEDORES. Os Administradores Concursais toman posesión a finais de Abril. A primeiros de Maio de xeito case paralelo, a demanda presentada pola CIG (en Febreiro) en representación de 67 traballadores, resólvese con Sentencia favorable aos/as traballadores/as (recoñecemento dos 45 días por ano traballado).

Dende que se presenta o Concurso, a CIG plantexa tres obxectivos:
1º.- Que as traballadoras/es perciban as súas indemnizacións (45 días).
2º.- Seguir loitando por un proxecto industrial.
3º.- Loita xudicialmente fronte a propiedade, no obxectivo de reclamarlle danos e prexuízos pola súa intencionada e nefasta administración, e se é posible, enxuizalos penalmente.

Despois de diferentes xuntas cos Administradores Concursais, estes presentan un Expediente de Regulación Temporal na liña de gañar tempo, para ver se aparece un novo inversor ou comprador para a compañía. Este expedinte por suposto xa non afecta a inmensa maioría do persoal de Vigo; arredor de 100 traballadores/as que optaron a iniciativa da CIG pola rescisión de contratos (só 27 traballadores/as) que se manteñen na Empresa sen ter demandas presentadas (todos eles da parte técnica e administrativa). En Setembro a CIG -coa colaboración dun grupo de afiliados/as técnicos da Empresa, economistas e avogados do Sindicato- é quen de  elaborar un informe e presentalo aos Administradores Concursais que a súa vez comparten estes argumentos e danlle traslado ao  xuíz que leva o proceso Concursal reclamando a retirada dos poderes da propiedade pola súa nefasta e neglixente  xestión. O xuíz determina a retirada de poderes da propiedade (excepción na regra) e indica que a xestión a leven os Administradores Concursais

No mes de Outubro unha vez máis a CIG, a través da Secretaria Nacional da FGAMT, elabora un informe reclamando da Administración Concursal aclaración respecto da finan de Promalar a través de Alfageme. Facéndose eco desta reclamación, os Administradores Concursais. presentan en Novembro unha demanda de financiamento irregular de Promalar (grupo inmobiliario) en detrimento do grupo conserveiro de B.Alfageme por valor de 12 millóns de euros. Esta demanda é admitida a trámite, e de cumprirse a nosa reclamación, Promalar tería que devolver 12 millóns de euros ao grupo conserveiro (subliñar que as indemnizacións do todo o persoal ascenden aproximadamente a 8 millóns de euros o que nos dá unha visión da súa importancia). Dicir que o expedinte de regulación temporal non serviu para nada, e a día de hoxe (mediados de Decembro) o resto do persoal do grupo foi liquidado cun ERE de extinción por causas obxectivas (arredor de 250 traballadores/as).

A CIG ten presentado ante o xuíz recurso de apelación por entender que non é xusto que só unha parte de traballadores/as reduzan as súas aspiracións económicas mentres os diferentes acredores manteñan íntegra a posibilidade de cobrar a totalidade da súa débeda. A AC a primeiros de Decembro elaborou o Informe definitivo que salvo unha intervención positiva da Xunta de Galiza (que desgraciadamente non damos creto), rematara coa liquidación dun gran grupo conserveiro, centenario e prestixioso que forma parte  dos alicerces máis importantes da economía da nosa nación.

A día de hoxe a CIG ten anunciado mobilizacións en febreiro fronte a Consellaría de Economía e Industria e IGAPE por considerar que están tratando de vender as marcas da Empresa a través da Patronal do sector (Anfaco), sen preocuparlle en absoluto a defensa dun proxecto industrial que garante 350 postos de traballo directos, e que afecta a catro Concellos de Pontevedra (Vigo, Vilagarcía, Ribadumia e O Grove), por certo o Presidente da Deputación, apareceu o principio ofrecendo a súa "colaboración", pero a partires do mes de Marzo desapareceu. Ao mesmo tempo a CIG -referente nesta loita e recoñecida incluso por afiliados/as de outros sindicatos- vai seguir non só mobilizándose e dando a loita xudicial, senón, polo contrario espera que no mes de Febreiro do vindeiro ano (2011) sexa quen de presentar demanda penal fronte a estes especuladores e mafiosos, esixíndolle responsabilidades penais e, por suposto, se é posible- que cumpran condena por delincuencia, malversación, financiamento irregular e terrorismo patronal.


[27-12-2010 16:48] Carnacedo comentou:

Todo é MAFIA neste pais. Como dí Pérez Reverte, onde non salta o escándalo é porque todos teñen os armarios cheos de mortos e a ninguén lle apetece abrir as portas do seu.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña