20:45 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-12-2010

Apuntes para un programa electoral municipal

Monte veciñal e concellos

Valorar (6)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



O monte veciñal en man común ocupa unha superficie considerable do territorio dos concellos rurais galegos; mesmo en moitos deles ocupa máis da metade do territorio. Os montes veciñais en man común están xestionados democraticamente polas asembleas xerais dos veciños e veciñas comuneiros. Polo tanto, as comunidades de montes son sociedade civil organizada e xa que logo forman parte do tecido asociativo dos concellos. A posta en valor dos montes veciñais en man común, debe axustarse en primeiro lugar as demandas dos veciños e veciñas comuneiros. Polo tanto, esa posta en valor debe xerar emprego e fixar poboación na zona de influencia do monte.

O monte veciñal en man común ademais de ser unha titularidade comunitaria (dos veciños e veciñas comuneiros) é unha titularidade singular (nin pública nin privada, senón colectiva) e un sinal de identidade do noso País.

Os montes veciñais en man común ademais da función produtiva, da que son principais beneficiarios os veciños e veciñas comuneiros, cumpren funcións sociais e medioambientais, das que é beneficiaria a sociedade no seu conxunto. De aí que a súa posta en valor debe levarse adiante, dende a óptica da multifuncionalidade e da sustentabilidade. É dicir, a posta en valor destas terras comunitarias, que son os montes veciñais, debe ser considerada como  estratéxica para o País.

Valor estratéxico, sinal de identidade, xeración de emprego, tecido asociativo e xestión do territorio son cuestións o suficientemente importantes para que os montes veciñais en man común teñan espazo nos programas dos partidos políticos, especialmente no nacionalismo, para as vindeiras eleccións municipais. Poderiamos desenvolver todos e cada un destes puntos, mais hoxe analizaremos o da xeración de emprego.

Parece que hai coincidencia en que un dos problemas que ten a humanidade é o cambio climático, xerado polo efecto invernadoiro producido pola emisión a atmosfera do CO2. Parece que tamén hai coincidencia en considerar que o modelo produtivo imperante hoxe en día, baseado no uso das fontes de enerxía derivadas do petróleo, está esgotado; entre outras cousas porque é contaminante e non renovábel.

Nos montes veciñais en man común existe a materia prima para usar como fonte de enerxía que ademais de non ser contaminante e renovábel. Estamos a falar da biomasa forestal residual. É dicir, a biomasa xerada polos traballos de silvicultura e polos restos das cortas de madeira, definidos nos plans de ordenación de cada monte.

Nesta situación os concellos teñen moito que dicir e que aportar. Os concellos deberían apostar por ir cambiando de xeito paulatino o uso das enerxías derivadas do petróleo para o servizo dos edificios públicos (pavillóns deportivos, casas de culturas, piscinas, colexios públicos, as mesmas casas dos concellos...), polo uso da biomasa forestal, tanto astillada como en forma de pelets. É certo que o cambio de caldeiras supón un desembolso económico importante xa que as caldeiras para biomasa forestal son 3/4 veces máis caras que as caldeiras de gasoil. Mais tamén e certo que o consumo de  biomasa forestal é 4/5 veces máis barata que o gasoil. Polo tanto, a partir do sexto ano o investimento quedaría amortizado e comezaría un aforro na factura enerxética.

Con este prantexamento os concellos galegos non soamente estarían aforrando na factura enerxética, estarían tamén apostando por un novo modelo produtivo combatendo o cambio climático, xerando emprego local e fixando poboación no medio rural. É dicir, participando no logro dun monte veciñal multifuncional e sustentable, nun monte veciñal vivo.
 
Sería, xa que logo, interesante que o nacionalismo incluíse nos seus programas electorais para a vindeiras eleccións municipais o uso da biomasa forestal como fonte de enerxía para os edificios públicos, así como a sinatura de convenios coas comunidades de montes do propio concello, ou de zonas limítrofes, para o subministro de esta biomasa forestal.

Agora ben, esta inclusión nos programas electorais do nacionalismo, non é suficiente. Se se quere acadar o obxectivo precísase tamén unha actitude dos veciños e veciñas comuneiros no momento de votar. É certo que no acto de votar inflúe a ideoloxía e a valoración global que se fai dos programas políticos. Mais non estaría de máis que os veciños e veciñas comuneiros ollásemos como se contemplan os montes veciñais neses programas políticos e logo votar en consecuencia. Se cadra, o orgullo de ter a condición de veciño ou veciña comuneiro, tamén hai que amosalo nos procesos electorais.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña