10:47 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-12-2010

As filtracións de Wikileaks descobren para a meirande parte da poboación as manobras de Estados Unidos para controlar o mundo

A realidade supera á ficción

Valorar (19)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Julian Assange (Wikileaks)


Os cabos filtrados por Wikileaks non son teorías da conspiración, son feitos plasmados en informes oficiais das embaixadas americanas, descubríndose como nunca antes, e para amplas capas da poboación, o verdadeiro rostro do Imperio

No ano 2005 estreouse a película "Syriana" do pouco prolífico director Stephen Gaghan, e protagonizada por George Clooney e Matt Damon. Basada en feitos reais, concretamente na vida dun axente da CIA, cuxo campo de acción era Oriente Medio, narra á perfección como o Imperio pon a funcionar toda a súa maquinaria para conseguir un fin. A política, o mundo empresarial, neste caso con intereses no sector do petróleo e do gas, o exército, e por suposto os servizos segredos,  todos traballan cun mesmo obxectivo, que non é outro que conseguir o control dos importantes recursos naturais dun país de Oriente, cuxo destino está nas mans dun monarca moribundo que ten que dicir entre pasarlle o bastón de mando a un fillo con intereses pro-imperiais, fronte a outro que quere utilizar eses recursos naturais para mellorar a vida do seu pobo.

Non quero amolarvos o final, pero coido que xa supoñedes por onde van os tiros -e nunca mellor dito-. Os que perden, tamén o podemos supoñer, o pobo dese atribulado país de Oriente, na miseria e no paro, tendo baixo os seus pés tan fabulosa riqueza, só lle queda o camiño do fanatismo relixioso e da inmolación, na esperanza dun mundo mellor, que se lles nega neste mundo terreal.

Podería ser ficción, pero non o é; como dixen, está baseada en feitos tan reais como dramáticos. Mais a tendencia xeral é a banalizar o que se nos conta no filme, a fin de contas, moita xente contempla o cinema como un entretemento, e non como un exercicio de aprendizaxe, da que tirar conclusións.

Sen embargo o que se nos conta nesta película, que pasou con máis pena que gloria polas nosas pantallas, cobra unha especial relevancia ao fío das filtracións de Wikileaks. Malia que os grandes grupos mediáticos, entre eles PRISA, que recentemente recibiu unha importante inxección de liquidez dun fondo de inversións norteamericano, que tiveron acceso en exclusiva a estes informes, tenden a orientar a información emanadas destes informes nunha determinada dirección, máis proclive aos intereses dos Estados Unidos, o que transcenden destes cabos diplomáticos é o poder omnímodo do Imperio, que abarca todas parcelas, a política, a militar e a económica, e incluso a cultural, para expandir a súa influenza. Son tácticas coñecidas por todo o mundo, pero non son denunciadas polos grandes medios de comunicación afíns aos intereses económicos que xera a expansión imperial dos Estados Unidos.

Non son teorías da conspiración, é real, como podemos comprobar polas informacións de Wikileaks. Que Estados Unidos presionara a políticos e xuíces españois para que quedara sen efecto a denuncia contra os asasinos de José Couso non forma parte de ningunha película de Hollywood, é real; como real é a "mediación" que fixo o Vicegobernador do Banco de España para que determinadas empresas españolas abandonaran Irán, malia a que traballaban "legalmente", conforme as resolucións da ONU; tamén é real que Israel pediu a Estados Unidos accións encubertas contra Irán; e tamén é real que a embaixada americana en Madrid presionou a Zapatero para que un importante contrato do Estado fora parar a General Electric, como así foi, unha importante transnacional norteamericana.

Como dixen non son teorías da conspiración, son feitos plasmados en informes oficiais das embaixadas americanas, que agora, malia ás manipulacións, ao enfoque que lle dan os grandes medios de comunicación, faise máis evidente ca nunca, e para amplas capas da poboación, o verdadeiro rostro do Imperio, que non muda substancialmente as súas tácticas, así gobernen Demócratas ou Republicanos.

Daquela, e malia que os cabos diplomáticos non din nada ao respecto, a menos de momento, cobran, se cadra, máis forza distintas teorías sobre acontecementos históricos recentes, como o 11-S, a manipulación electoral en 2001, o golpe de Estado en Venezuela de 2002 ou o máis recente de Ecuador, os verdadeiros motivos da invasión de Irak, etc. Xa se sabe, a realidade supera á ficción.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña