12:46 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2010

Vixencia e actualidade do pensamento de Castelao

66 anos, Sempre en Galiza

Valorar (10)

NÉSTOR REGO CANDAMIL


Portada de "Sempre en Galiza"


Fanse, neste mes de marzo, 66 anos da publicación do "Sempre en Galiza", unha obra imprescindíbel para entendermos o nacionalismo como movemento político, para asumirmos a Galiza como nación, con conciencia de selo e vontade de exercer como tal. A clave está xustamente en valorar  a súa utilidade no quefacer presente do noso País.

Poucos discuten a importancia  que tivo a obra no momento en que viu a luz, cando menos como testemuño dun momento histórico difícil e transcendental para Galiza. Tamén non é fácil cuestionar  o seu valor como sistematización do pensamento político nacionalista e superación do anterior, desde a definición de nación até a precisión dos dereitos que como tal lle corresponden. Cabe aínda recoñecer o papel que xogou, desde a dificultosa difusión clandestina, como peza teórica fundamental na reconstrución dun nacionalismo politicamente actuante no comezo dos anos sesenta. Mais o asunto  é: serve o pensamento de Castelao para a Galiza de hoxe? Segue tendo vixencia  ou é anacrónico e foi ultrapasado polo desenvolvemento da autonomía?

A figura de Castelao, pola súa transcedencia política, autoridade moral e referencia ética, tentou ser aproveitada e utilizada unha e outra vez por parte daqueles que non compartían en absoluto o seu pensamento. Manipulación, por certo, sempre contrarrestada eficazmente polo nacionalismo, porque se a súa figura é apetecíbel politicamente, a súa obra é dunha claridade e contundencia tal que devén dificilmente manipulábel. 

Por iso a apropiación indebida, a utilización de Castelao por parte do españolismo precisaba necesariamente da ocultación do seu pensamento. Quen quixer facer pasar a Castelao por profeta do autonomismo terá difícil casar iso co feito de que, a pesar de ser a elaboración, defensa e aprobación do Estatuto do 36 labor  fundamentalmente do PG, Castelao sempre explicitou -e así o reitera no SeG- que entendía o estatuto só como paso para seguir avanzando cara á plena soberanía de Galiza dentro dun sistema federal.

Todos aqueles aos que lles chega -e mesmo lles sobra- o grao de autogoberno do actual estatuto apuntarán, polo tanto,  á data de caducidade. Houbo un tempo, dicía Carvalho Calero en referencia á etapa de loita democrática durante a ditadura,  en que todas as forzas políticas e todos os escritores políticos -coa excepción, naturalmente, dos que estaban ao servizo do poder- rivalizaban en facer a apoloxía ou o panexírico de Castelao. E engadía: "Agora  todo está no seu sitio; agora só son castelaístas os castelaístas". 

Houbo un tempo tamén en que os mesmos que o deostaron e o perseguiron desde o poder pretenderon apropiarse da súa figura para tentar lexitimar unha cativa autonomía fronte ás aspiracións soberanistas dun nacionalismo herdeiro real do seu pensamento. Manipulacións, deturpacións,  medallas, traslado dos seus restos...  Tamén agora todo volve a estar ao seu sitio. Parafraseando a Carvalho, só somos castelaístas os nacionalistas.

Agás a ritual  apelación anual ao seu nome,  uns e outros esquécense de Castelao e da súa obra, poñendo -iso si- especial empeño en non propiciar  a difusión e coñecemento da mesma, moi especialmente do esencial do seu pensamento recollido no 'Sempre en Galiza'. En calquera caso, enténdese dentro da lóxica das súas posicións políticas.

Pero non  deixa de chamar a atención que moitos supostos defensores de Castelao, tamén desde posicións galeguistas, insistan en situar o 'Sempre en Galiza' como unha obra do seu tempo, destacando o que de circunstancial e conxuntural pode haber  nel para negar ou minorar a súa vixencia nun país xa moi diferente,  que leva 30 anos gobernándose de forma autónoma. Son, sen dúbida, os que se senten cómodos no réxime autonómico e xa non teñen azos para aspirar á soberanía.

Efectivamente, o país é diferente, pero moitos dos problemas son os mesmos. A persistencia da opresión nacional e da función colonial fai que así sexa.  Por iso mesmo, nada mellor que revisitarmos o SeG para decatármonos do errado desta posición,  e para apreciarmos non só a vixencia, mais tamén a actualidade dos postulados nel recollidos.

Por exemplo,  en relación coa lingua, en que  Castelao  vai máis alá dunha  concepción puramente utilitaria, situándoa como compoñente fundamental da nación e elemento identificador colectivo por excelencia. A súa claridade á hora de desbotar concepcións idealistas e prexuizosas  e de denunciar o asimilismo lingüístico que se agocha tras do pretendido bilingüismo, acaso non é de actualidade en pleno debate social arredor do decreto de uso do galego no ensino e da política lingüística do PP? É mesmo, con certeza, unha posición ben máis lúcida e firme que a de moitos que hoxe se perden a cantar as virtudes do  plurilingüismo. 

A sistematización que Castelao fai do concepto de Galiza como nación, amparándose nunha definición sólida e politicamente funcional , ten pleno valor hoxe en día e está tan vixente como en 1944, porque lamentabelmente non é un asunto superado. Polo contrario, o debate que se aveciña a propósito dun novo marco xurídico para Galiza vai requirir volver a Castelao para defender o recoñecemento  nacional do noso País.

A firme defensa do dereito de autodeterminación para Galiza, e a aposta polo exercicio da mesma para integrarmos  libremente e por propia vontade un estado federal está aínda lonxe de ficar obsoleta e segue a marcar un horizonte cara ao que o nacionalismo de hoxe continúa a camiñar. "Galiza é unha nación e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros povos iguais a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para viver con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal" Estamos a falar de dereitos aínda por conquistar, e aos que de ningunha maneira podemos renunciar.

Algúns nacionalistas de boa fe -que diría Castelao- cren talvez que o recurso ao SeG no debate político actual pode ser interpretado como síntoma de falta de argumentos e polo tanto de debilidade. Funciona, sen dúbida, o vello preconcepto: 'Non é moderno'. Nada máis errado. Efectivamente temos sobradas razóns de presente para argumentarmos a necesidade de avanzar no autogoberno, mais un pobo que loita pola súa liberdade non pode permitirse o luxo de non utilizar todas as ferramentas ao seu alcance para lograr o seu obxectivo. E a claridade de ideas de Castelao, xunto ao  seu exemplo vital de inalienábel dedicación a Galiza son sen dúbida unha das mellores armas coas que podemos contar para seguir avanzando. Castelao escribiu o 'Sempre en Galiza' por compromiso patriótico. Pola mesma, o noso deber é darlle a utilidade política que o seu autor pretendía.

[05-03-2010 ] Lobo comentou:

Estase producindo a segunda doma e castracion de Galiza, non sera hora de ir repensando a nosa relacion co Estado Colonialista Español?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña