15:31 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-12-2010

A débeda pública no Estado Español sitúase arredor do 58,5% do PIB fronte ao 310% do PIB que representa a privada

É a débeda privada, estúpidos!

Valorar (61)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


Hienas


O pasado 13 de Decembro, o Banco Internacional de Pagos de Basilea, facía público o seu informe correspondente ao terceiro trimestre de 2010, onde analizaba con particular fondura a situación económica das periferias europeas. O referido documento, elaborado coa información que lle achegan os diversos Bancos Centrais, fornecía interesantes datos sobre o estado da débeda e a contabilidade no conxunto dos estados do mundo. Nun momento no que o debate sobre a débeda ocupa un lugar central na discusión política e económica, non é casual que se omitan as referencias a este documento elaborado polo regulador bancario internacional, e que pola contra se bote man doutros informes, particularmente daqueles elaborados polas axencias cualificadoras, na medida que o relatorio do Banco Internacional de Pagos deixa sen argumentos todo o discurso do capital.

A pesar de que o referido informe non deixa lugar a dúbidas, a débeda pública no Estado español situase arredor do 62% do PIB fronte ao 310% do PIB que representa a privada, cómpre diferentes matizacións para interpretalo na súa xusteza. Primeiramente porque parte da débeda que na contabilidade estatal se recolle como pública non é tal, posto que deriva das emisións de débeda efectuadas por bancos e caixas, co aval do estado a través do Fondo de Adquisición de Activos (19.341 millóns de euros) e do FROB (aproximadamente 15.000 millóns de euros). Así a eses 620.000 millóns de débeda pública, debe restárselle 34.341 millóns de euros coa que a mesma situase en 585.659 millóns, até o punto de representar aproximadamente o 58,5% do PIB. Outro tanto acontece no caso galego onde a débeda pública situase en 5.800 millóns, o 10,5% do PIB, sendo a débeda a que ten que facer fronte antes de 2012 a Nova Caixa Galicia de 21.021 millóns, o que representa preto do 40% do PIB do País.

Nun segundo lugar, e volvendo aos  datos do informe do Banco Internacional de Pagos, temos que considerar que a exposición da débeda pública estatal (11%) á banca internacional é mínima, se atendemos á  que a débeda do sector privado co exterior é do 89% repartido do seguinte xeito: o sistema financeiro (25,7%), empresas e particulares (36%) e a operacións con derivados, que implica fundamentalmente a banca (26,6%). Isto significa que o groso da débeda soberana está en mans do sistema financeiro, o máximo interesado e beneficiado na burbulla da débeda, na medida de que o aumento da prima de risco non fai máis que aumentar os seus beneficios. Ou se quere doutro xeito nas emisións de débeda polo Estado, as necesidades de financiación do mesmo son tanxenciais, a pesar de ter minguados os seus recursos polas políticas fiscais neoliberais, sendo central as perspectivas de negocio que se abren para a banca que se financia ao 1% e que consigue beneficios nalgún caso do 4%.

Xa por último, aínda que se trate dun aspecto colateral, repárese que o informe de Basilea recoñece, algo que até o de agora negaran de xeito categórico tanto o Banco de España como os analistas internacionais, como é a forte exposición da débeda do Estado aos derivados financeiros. Independentemente da calidade dos mesmos, máis unha vez, é o sistema financeiro que carga co groso deste apalancamento e por conseguinte quen segue a xogar con lume. Os números tan dados a interpretación sempre, tamén neste caso rematan por ser teimudos até o punto de que non deixan marxe algún para negar que a débeda pública non significa ren ao lado da privada, e de xeito moi particular ao furado que debe enfrontar o sistema financeiro, 225.000 millóns de euros segundo o Banco de España.

Os grandes poderes económicos, co acompañamento das súas sucursais doutrinais, mediáticas e políticas, están a utilizar a coartada da débeda soberana como escusa para maximizar os seus beneficios, reducir o sector público para abrir novas vías de negocio  e no caso do Estado Español acometer unha nova recentralización, reformulando ou eliminado o réxime autonómico.

Acreditamos que é imposíbel explicar a crise desde unha causalidade financeira, posto que isto non permite identificar os intereses sociais que a provocaron, e máis aínda a súa auténtica natureza como crise de acumulación do capital, isto é de demanda e rentabilidade. Porén é innegábel o papel central que xogan as finanzas nesta etapa do capitalismo, onde a taxa de rendemento dos investimentos financeiros sitúanse nun 15% fronte a un 5% dos que se producen nos que se dá en chamar "economía real". O papel decrecente dos beneficios acadados na "economía real" obriga ao capital a atopar novos nichos de negocio en actividades que tradicionalmente estaban vinculados ao sector público e a débeda soberana a adelgazar ao estado para conseguir recursos. Unha proporción crecente da masa de beneficios acadados na actividade productiva, reinvirtese nos mercados monetarios e financeiros, até o punto de que o 40% dos beneficios das grandes empresas, e non só da banca, proveñen das operacións financeiras.

Tampouco  é inocente o interese en focalizar o debate sobre a débeda pública na porcentaxe da mesma que se corresponde coa xerada polas comunidades autónomas, cando esta non é significativa no monto global e a situación económica das mesmas é mellor, por poñer un caso, que a dos Concellos ou Deputacións. Mesmamente non é casual que o aumento da débeda autonómica non se contextualice no marco da asunción de máis competencias polas autonomías, do modelo de financiamento ou da supresión de tributos que repercutían de xeito directo nos seus como o Imposto de Sucesións ou o de Patrimonio. Xa que logo a súa intencionalidade vinculase ao proceso de recentralización en marcha e á afortalar a "unidade de mercado", necesarios para avanzar na "centralización" do poder económico, mediante a eliminación dos competidores periféricos e a ampliación das áreas de negocio.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña