00:16 Venres, 07 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-12-2010

Pero Latinoamérica, polo momento, non ten “intereses” no Estado español

Relacionarse con “desdén” con “pallasos, ignorantes e tolos de buracos negros”

Valorar (23)

XURXO MARTIZ CRESPO



As declaracións (confesións) de Moratinos, todas ante cargos da Administración estadounidense, cualificando a Evo Morales de "ignorante", unido ás de Trinidad Jiménez definindo a Hugo Chávez como un "pallaso", ambos os dous  "buracos negros" en Latinoamérica segundo Moratinos, adobiadas por Bernardino León, que cualificou a Ortega de "tolo" e a Zapatero co seu "desdén" polas relacións con Cuba malia as súplicas das autoridades cubanas de manter unha xuntanza, non recibiron resposta desde Latinoamérica.

Non era preciso que a filtración de Wikileaks revelase estas "confesións" porque o trato que recibe Latinoamérica do Estado español está baseado nos seus "intereses" na rexión e non no cultivo dunhas relacións verdadeiras fundadas nos valores con que enchen os seus discursos cada vez que van de viaxe.

Pero Latinoamérica, polo momento, non ten "intereses" no Estado español. Hai tempo que levan dicindo por acción e omisión, desde a súa independencia con altos e baixos, que as relacións co Estado español son unha mera formalidade sen contidos moi visíbeis debido á febleza histórica do Estado español como potencia no mundo.

A presenza española no peso económico mundial irase reducindo cada día até colocar varios países latinoamericanos en posición moito máis vantaxosa para influír internacionalmente que o Estado español.

Hoxe Brasil e México teñen máis peso económico e político no mundo que o propio Estado español.  Non é casualidade que as autoridades españolas, mesmo en conversas privadas, se desfagan en afagos cara aos presidentes destes dous países.

A clase política e empresarial española é propietaria dun descomunal descoñecemento da historia, da economía e da xeopolítica latinoamericana. A este proverbial descoñecemento está unida a incompetencia e a soberbia de querer ollar para Europa e dar as costas a Latinoamérica.

A decisión do Brasil de colocar o español como lingua obrigatoria no ensino secundario débese á súa relación cos países latinoamericanos e non co Estado español. Para o Brasil tanto Portugal, ao que impuxo as normas ortográficas do portugués-brasileiro, coma España non son países importantes dentro das súas relacións. Os investimentos alemáns neste país e en México teñen máis de 50 anos, e o español que queren falar os brasileiros non leva os sons nin a pronuncia castiza de Madrid ou Valladolid.

Con estas declaracións dos encargados da "diplomacia" española, as relacións con Latinoamérica non van estar nin mellor nin peor, van seguir un camiño de inercia en que os latinoamericanos se irán afastando cada día máis dun Estado español que pouco ou nada lles pode achegar e os españois encherán os seus discursos con referencias á nada, visitas do seu rei e dos seus príncipes, e empresarios da caste do Díaz Ferrán e Botín.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña