03:43 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-12-2010

Os ideólogos do sistema só poden imaxinar formas de vida dentro dos actuais modelos constitucionais

O nacionalismo como maldade absoluta

Valorar (27)

XOÁN COSTA



Hai uns días, Mario Vargas Llosa, no seu discurso de aceptación do premio Nobel, e desde unha tribuna con tanta sonoridade mediática, referiuse ao nacionalismo como "praga incurábel do mundo moderno" identificándoo, xunto coa relixión,  coa orixe de todas as fontes de violencia. O nacionalismo como maldade absoluta. Mais como a ovella é de onde pace, Vargas Llosa coñece ben os pastos e os pastores a que arrimarse, os que mellor defenden do lobo. E como ademais sabe das contradicións do ser humano, e das do propio sistema, non dubida en recoñecer que no mundo actual hai nacionalismos operantes aos que non pode apor xamais o cualificativo de praga porque é xustamente este nacionalismo o que o encimou como escritor ("se non for por España xamais tería chegado a esta tribuna", manifesta).

Fronte ao nacionalismo propugna o patriotismo, entendido como un sentimento san e xeneroso de amor á terra, á paisaxe e ás lembranzas. E como a función do escritor é dar nome as cousas, Vargas Llosa pon o atributo de nación a España e o de patria a Arequipa, o seu lugar de nacemento.

As posicións políticas de Vargas Llosa son sobexamente coñecidas e non me terían preocupado nada as súas manifestacións de non ser polo eco e ampliación mediática que, oportunamente, se lle deron ás súas palabras, convenientemente debatidas, interpretadas e comentadas en foros e tertulias,  con especial insistencia en divulgar que este era un premio Nobel "en español" e correspondía á literatura española, definindo claramente que é a lingua a que define a literatura (e non o lugar de nacemento do escritor) e, curiosamente, tamén é a lingua, no universo conceptual do escritor, a que define a nación.  Mais como este principio non se pode aplicar de modo xenérico, pois daquela neste mundo global teríamos unhas seis mil nacións, entón é preciso establecer dúas categorías de nacionalismo, un "de orejeras" como di Vargas Llosa e que resulta excluínte, carente de horizonte intelectual e racista, e o outro, aquel no que el milita, aberto, nada racista, e no que convén acreditar se quixermos triunfar.

Ora, estes debates non fican no discurso literario, máis ou menos académico e formalista, de recepción dun premio. Van sempre acompañados, e complementados, coas correspondentes análises e propostas procedentes especialistas do campo xurídico, económico, lingüístico, etc. Unha destas  interpretacións do termo nación, que ronda a ficción literaria, é a expresada por Roberto Blanco Valdés ao afirmar nunha entrevista a un xornal que "Galiza non pode ser unha nación de forma xurídica". A nación xurídica!

Perante afirmacións como estas, carentes de todo rigor, só cabe lembrarmos a dificultade, ao longo da historia, para mudar certos esquemas conceptuais e o necesario que é tirar as orelleiras dos prexuízos. Alguén esqueceu, a este respecto, a cegueira e a insistencia da Ciencia oficial, esa mesma que recolle os premios Nobel sen ningún aceno crítico, ao negar, por pór un exemplo, toda posibilidade de vida no Universo que non se rixa polos parámetros terrestres coñecidos, a saber: carbono, hidróxeno, nitróxeno, osíxeno, xofre e fósforo? Non cabía  nin pensar na posibilidade de outros modelos e todo se resolvía, no mellor dos casos, ofrecéndonos, sobre todo a través do cinema, caricaturas antropomórficas ás que o persoal da NASA mesmo lles facía autopsia. Mais resulta que aquí, na propia Terra, se achan seres que se afastan destes parámetros de vida considerados como inamovíbeis e unha bacteria da familia Halomonadaceae rompe con todas as previsións e abre a porta a outros modelos de vida posíbeis nos que, en teoría polo menos, poderían combinar outros elementos da táboa periódica.

De maneira similar ao que sucede con esta bacteria, os ideólogos do sistema só poden imaxinar formas de vida dentro dos actuais modelos constitucionais, que non teñen tantos anos de vida,  mais é preciso advertir que non é necesario procurar noutros mundos a posibilidade de os pobos e as nacións se rexeren por modelos xurídicos diferentes dos actualmente vixentes, pois nós propios somos capaces de xerar e de idear outras posibilidades para aplicar á nosa forma de nos relacionar co resto dos pobos.

E xa que moitos e moitas reclamamos o dereito a dotármonos de estruturas políticas propias acordes coa nosa condición nacional, porque diso dependerá o noso futuro, non debería adiarse moito a necesaria reforma do Estatuto Galego no camiño de recoñecer xuridicamente a nosa existencia como nación, como nación que ten dereito a decidir sobre como quere que sexa o futuro porque os galegos e galegas de hoxe en día non podemos facer deixación desa responsabilidade amparándonos en que a Constitución non permite, xuridicamente, a presenza do termo nación, pois, igual que son posíbeis formas de vida á marxe dos seis elementos clásicos, e iso non supón ningunha alteración no hábitat nin destrución do mundo, tamén son posíbeis modelos xurídicos que respecten a nosa condición de nación. Simplemente hai que combinar de outra maneira os elementos da táboa periódica.

Estamos convencidos de que Galiza é unha nación porque non partimos de formas de vida prefixada e permanentes nin temos orelleiras. Partimos do convencemento, da experiencia concreta, porque antes de nós millares de galegos e galegas demostraron coa súa práctica e desde todos os puntos de vista esa realidade que nós hoxe tamén afirmamos. Por iso non nos é preciso demostrar nin xustificar, nin tampouco o queremos facer, a cada paso esta realidade. Só debemos tomar consciencia dela.

Como nación da Europa do século XXI non podemos permanecer indiferentes perante a posibilidade de, nas reformas Estatutarias que se haberán de pór en marcha, reclamarmos o dereito a planificar o noso propio futuro, o que queremos libre e democraticamente ser, sen colidir con ninguén mais tamén sen que ninguén entorpeza o noso camiño. Porque lonxe dos grandes discursos  que nos definan e das ameazas con que nos provoquen, nós ben sabemos o que somos, e o que somos, sómolo con independencia de os demais o veren ou, aínda, non o teren descuberto.

A táboa periódica das nacións aínda admite máis elementos e as formas de convivencia entre pobos máis combinacións e, non hai dúbida, outras formas de vida han ser descubertas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña