12:48 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-03-2010

Ao longo da historia, a prostitución foi un traballo principalmente feminino, motivo polo cal atopamos a maior parte dos debates dentro do movemento de mulleres

Prostitución. A hipocresía continúa

Valorar (9)

ELVIRA PATIÑO OGEA



O debate sobre a regularización ou abolición da prostitución é unha cuestión moi complicada de abordar, xa que incluso dentro do movemento feminista e dentro da esquerda hai visións moi diversas e confrontadas.  

A prostitución é tan antiga como o é a sociedade de clase. A súa orixe atopámola nas sociedades primitivas onde era costume ofertar á esposa, á filla ou a serva ao convidado en sinal de estima. En realidade, este termo, que provén do latín prostituire, literalmente significa estar exposto/as ás miradas do público, estar en venda, traficar co corpo. A prostitución, é, pois, a actividade á que se dedica a persoa que ten relacións sexuais con outra a cambio de cartos.

Ao longo da historia, a prostitución foi un traballo principalmente feminino, motivo polo cal atopamos a maior parte dos debates dentro do movemento de mulleres. Co xurdimento do capitalismo, nace tamén o concepto de traballadoras do sexo para denominar a unha muller que exerce a prostitución. Por tanto, a prostitución como institución (é dicer, a industria do sexo) ben a ser un reflexo do capitalismo, xa que ven a converter en relacións económicas as relacións sexuais/persoais, nunha sociedade que se amosa aínda hoxe ambigua en canto á lexislación deste tipo de actividade, considerada alegal, só suxeita ao abeiro da oferta e da demanda, non regulada desde o ponto de vista civil ou laboral, nin penada. 

A prostitución feminina supón a maior porcentaxe do total das  mulleres prostituídas, aínda que tamén é certo que está a medrar tanto o número de homes prostituídos, como o número de prostitución infantil (meniñas e meniños), ben sexa directa ou indirecta (pornografía) sempre, por certo, ao servizo de homes. 

Sendo conscientes de que a PROSTITUCIÓN  EXISTE AFECTANDO FUNDAMENTALMENTE A MULLERES, consideramos á prostitución como unha institución patriarcal, un feito social de dimensións mundiais que abordamos dentro da loita contra a violencia machista e contra a situación discriminatoria que sofren as mulleres que exercen a prostitución, consecuencia esta da situación de subordinación social e laboral das mulleres nas sociedades.

A existencia da prostitución ten que ver tamén, e indiscutíbelmente, coa pobreza e, moitas veces, coa miseria, en definitiva, coas desigualdades de todo tipo (económicas, de xénero, étnicas, culturais, relixiosas ...) nun mundo onde día a día increméntanse as diferencias entre uns poucos moi ricos (millonarios) e moitos moi pobres ou en estado de miseria, favorecido por un sistema económico capitalista e globalizador.

Mais temos que dicer que a prostitución por si mesma non constitúe delito, e si son delictos os que a rodean: cooperar, protexer, captar, reter contra á súa vontade, vivir a expensas de persoas cuxa prostitución explote, ser dono dun negocio de prostitución... 

A prostitución é un servizo que aínda que non evolucionou no xeito, si que o fixo nos motivos que levan a exercela. Así, aínda que durante moito tempo se falou de motivos de carácter biolóxico debido a que a muller estaba chea de sexualidade, ou como símbolo da decadencia, e outros pensaban que o que levaba á prostitución era a falta de madurez sexual, hoxe en día son moitas e moi variadas as causas e factores que poden inducir á prostitución: problemas económicos (aínda que hai un pequeno porcentaxe de prostitutas de luxo, a maioría exerce debido a unha situación de pobreza, miseria ou para obter maiores recursos económicos, mención a parte merece a poboación inmigrante, man de obra barata e sobreexplotada, mulleres que entran na súa maioría no país de xeito ilegal, que rematan exercendo a prostitución como forma de supervivencia económica), problemas de parella, familiares (a preñez non desexada a idades moi cedas, o rexeito da familia cara a filla conleva en moitos casos a unha situación de marxinación social e laboral que remata no exercizo da prostitución), problemas  familiares (infancia negativa, abandono familiar, malos tratos, incesto, violacións), drogodependencias (causa importante de inducción á prostitución, xa que se subvencionaría deste xeito o consumo), por coacción, (presións ou coaccións do proxeneta, do home co que viven, ou das redes de tráfico de mulleres que obrigan ás mulleres a prostituírse mediante o secuestro ou o engano). 

Abordemos agora os tipos de prostitución que podemos atoparnos na sociedade actual:  

-Prostitución na rúa:
realizada no casco urbano das cidades, en pensións, en parques, ou en automóbiles.

-Call-girls:
anuncios en xornais e televisións nos cales o cliente chama a un número de teléfone e concreta unha cita coa muller.

-Servizo de acompañamento:
mulleres de alto nível cultural e boa presenza prestan a súa compañía a executivos ou empresarios, sobre todo en hoteis ou a través de axencias especializadas.

-Prostitución en clubes de alterne ou salóns de masaxes:
ofértanse como salóns de masaxes ou como bares de copas. As mulleres soen vivir nos propios clubes sendo controladas polo propietario das instalacións.

-Prostitución en hoteis de luxo:
moi relacionado co servizo de acompañamento do que falamos antes, o propio hotel concerta as citas, para o cal existe unha rede de prostitutas, proxenetas, choferes, taxistas, botóns e recepcionistas implicados.

-Turismo sexual:
A pesares de non ser Galiza un lugar de destino, contrátanse viaxes turísticos a lugares como Tailandia, por exemplo, onde realizan encontros sexuais con mulleres mozas, ás veces nenas (e tamén nenos).

-Prostitución masculina:
homes moi novos ofrécense aos homosexuais independentemente da súa condición sexual.

-Travestidos:
chegan á prostitución en moitos casos, debido ao rechazo social. Tamén realizan o servizo a homes.

Como vemos, a PROSTITUCIÓN CONVÍRTESE NUNHA SAÍDA ANTE A PRECARIEDADE E A FALTA DE OPORTUNIDADES DAS MULLERES. É un feito que as mulleres cobramos menos, temos menos protección, e se nos discrimina no mundo do traballo.

A prostitución é tamén un exército de reserva sexual para os homes estabelecido polas súas normas sociais hipócritas e tradicionais que dividen ás mulleres en putas e esposas.
Como vemos, desde o punto de vista da loita contra a desigualdade das mulleres, ter unha postura clara sobre a prostitución non é sinxelo.A prostitución englóbase nun fenómeno maior que é A INDUSTRIA DO SEXO, que hoxe en día compite con outro tipo de servizos sexuais (internet, telefonía móbil), onde está a  proliferar a prostitución pechada, e especialmente os clubes, sendo minoritaria a de rúa respecto á organizada e de alterne. Paralelamente, apareceron novas protagonistas: as mulleres inmigrantes, sen papeis, que configuran o novo groso de prostitutas galegas, do mesmo xeito que se incrementou o fenómeno do tráfico e da trata de mulleres con fines de explotación sexual. 

Así, perante a prostitución desenroláronse na sociedade varias posicións: -O prohibicionismo ou moral tradicional (ilegalización e penalización do exercizo da prostitución)

-O abolicionismo-O regulamentarismo estatal e do capital (propugnan legalizar o negocio do alterne e da industria sexual, abordando a cuestión como un tema de saúde pública e sobre todo, de orde pública)-O regulamentarismo autónomo.O debate feminista actual xira en torno o abolicionismo, nun extremo, e o regulamentarismo autónomo,noutro.

Quenes defenden unha postura ABOLICIONISTA
(en Galiza, Alecrín e Feministas Independentes Galegas, ou no estado español APRAM, Asociación de Mulleres da noite buscando o día, Plataforma Estatal de Organizacións de Mulleres pola Abolición da Prostitución ... ) baséanse nunha postura do patriarcado, influenciada polas críticas marxistas á comercialización das persoas. Para elas, a sexualidade non pode ser obxecto de comercio, senón que debe ser libre e gratuíta. A prostitución sería como control patriarcal que promove, controla e estigmatiza o uso do corpo feminino, e por tanto, unha expresión da violencia contra as mulleres. Non estabelecen diferenza entre prostitución forzada e libre, xa que ante a vulnerabilidade o consentimento non é válido. Consideran ao cliente corresponsábel xunto co empresariado e os proxenetas da situación opresiva da muller, considerando que estas actividades deberían ser puníbeis. Á prostituta é unha víctima do sistema opresivo, á que se debería darlle alternativas para que puidera insertarse na sociedade a través doutras opcións laborais dignas e en igualdade de oportunidades.            

Pola contra, as posturas en defensa das traballadoras do sexo  (no estado español podedes consultar as manifestacións do Colectivo Hetaira, Licit, Ambit Dona, Colectivo Flor de Azalea, Plataforma Comunitaria polo traballo sexual e a convivencia, Plataforma polos dereitos das personas traballadoras do sexo) critican o moralismo conservadurista que baixo o seu ponto de vista segue a sacralizar a sexualidade. A estigmatización social das prostitutas é un elemento fundamental da ideoloxía patriarcal xa que a elas se llas critica porque prostitúen ou comercian co seu sexo. Elas fan unha diferenza entre prostitución forzada e ceibe. Exercer a prostitución é unha opción dentro das posibilidades que a sociedade oferta. Non consideran ás prostitutas como explotadas sexuais, senón mulleres capaces de alcanzar unha liberdade sexual que as outras non son capaces de concibir e que non precisan da tutela das feministas tradicionais. O que defenden é o dereito á autodeterminación sexual, que inclúe o dereito a practicar o sexo comercial, e a ter os mesmos beneficios ca o resto das traballadoras. O recoñecemento social da súa actividade (como traballo e emprego) significa a saída automática da marxinación, e por tanto, a mellora da calidade de vida e da súa saúde psicolóxica e física. Non son favorábeis ás políticas regulamentaristas do capital cuxo obxectivo fundamental é o de controlar e ordenar a prostitución segundo os intereses estatais. Ao cliente o ven como calquera home que, polas súas prácticas, debe ter tamén un control sanitario. Avogan pola regulamentación autónoma da prostitución.  

No estado español, a cuestión prantexada foi considerada en círculos xurisprudenciais, resistíndose o xulgador a aceptar a situación como xurídico laboral en atención ao feito de que o obxecto do contrato pode ser cualificado como ilícito ou inmoral, aínda cando desde outras perspectivas alegouse o artigo 35 da Constitución na que se estabelece a libre elección de profesión ou oficio.            

A medida que ían dándose os debates, desenvolvéronse tres modelos de actuación: 

-O modelo sueco (1999)
penaliza ao cliente e ofrece oportunidades laborais ás prostitutas.

-O MODELO ITALIANO E O FRANCÉS
penalizan o proxenetismo e o exercizo na rúa.

-O MODELO HOLANDÉS E O ALEMÁN,
regularizan o exercizo da prostitución a través de rexistros, delimitando áreas específicas. A lexislación holandesa concibe a prostitución como o ofrecemento para a práctica de actos sexuais cun terceiro a cambio de pago, cualificando a prostitución forzosa e a de menores como unha actividade puníbel. A lexislación promulgada obriga ás traballadoras do sexo a someterse á lexislación laboral, controlando as condiciones de traballo nos seus distintos aspectos, e outorgando o acceso ás prestacións da seguridade social, salvo o desemprego. Polo que se refire á normativa alemana, que entrou en vigor fai un ano, tras declarar perseguíbel o proxenetismo e a incitación á prostitución, cualifica a prostitución como unha actividade laboral, e consecuentemente apta para estar sometida ao Dereito do Traballo e da Seguridade Social, facéndose posíbel así a existencia de contratos de traballo suxeitas ao réxime de autónomos, dereito de desemprego, xornada, esixencia de permisos de traballo ás extra comunitarias, e demais dereitos laborais.

Hai que dicer que ningún dos modelos obtiveron resultados satisfactorios para ninguén, xa que nin chegaron a regular totalmente a situación, nin diminuíron a clandestinidade, nin eliminaron o estigma social. A proposta de penalizar ao cliente actúa sobre a demanda, pero ao seres este a parte forte do binomio, as consecuencias da ocultación e estigmatización as acaba padecendo a prostituta. A regulamentación tampouco funcionou, xa que non elimina o estigma social nin as prostitutas están dispostas a entrar en rexistros, nin a maioría dos donos dan de alta os seus locais, porque a clandestinidade sube os prezos e é moito máis rentábel (así sucedeu en Alemaña e Holanda). Pero tampouco se avanza deixando a situación tal e como está, nunha alegalidade, porque é a prostituta a que se enfronta á vecindade, a redadas policiais, e a mafias que cobran para protexela, o que precariza máis se cabe a súa situación, facéndolle perder autonomía.

Como podemos comprobar, ningunha das dúas posturas -ABOLICIÓN/ TRABALLADORAS DO SEXO- ten completamente a razón, ningunha das dúas fai unha análise exhaustiva do fenómeno. Ningunha das políticas públicas  acabaría coa prostitución nin co estigma social. Os prexuízos sexuais e a dobre moral  eliminaríanse cunha educación sexual saudábel e igualitaria , que visibilice a sexualidade da muller. Acabar coa prostitución tal e como existe hoxe en día sería ir en contra do capital e tratar de eliminalo, é hoxe por hoxe, irreal. Igualmente, soster que dotando a unha prostituta do estatus de traballadora eliminaría a súa clandestinidade e estigma, é exactamente igual de irreal. O que si é certo é que é imposíbel non regulamentar, especialmente cando hai un grupo de mulleres que reivindican o seu dereito a ter esa opción.  

Non obstante, entre o posicionamento de quenes defenden os dereitos  das traballadoras do sexo e quenes defenden o abolicionismo, existe un acordo básico no decidido apoio ás demandas das mulleres que queren deixar a prostitución e esixen ás administracións públicas medidas de caracter laboral e social que o faga posíbel. Tamén existe consenso sobre a denuncia e condena das mafias da prostitución que extorsionan e forzan ás mulleres, mediante engano, coacción e violencia a traballar ao seu servizo, manténdoas en moitos casos pechadas, privadas de liberdade en condicións de escravitude. 

Sendo conscientes de que debemos escoitar as voces das mulleres que demandan un posicionamento, e aínda non ignorando a directriz europea que penaliza severamente a trata de persoas, especialmente a que se fai con fins de explotación sexual, tomamos tamén como referenza exemplos de sentencias como a do Tribunal Europeo na que se recoñece o dereito de seis cidadás polacas e checas a establecerse na Unión Europea para exercer a prostitución como actividade económica por conta propia en Amsterdam, concluíndo que a prostitución é legal en case todos os países e que non se pode mesturar a moralidade e legalidade. 

Tendo claro que debe perseguirse aos proxenetas e as mafias das que vimos falando, mais tamén que non se pode criminalizar as prostitutas e que se deben tomar medidas sociais que faciliten que quen queira abandonar a prostitución poda facelo accedendo a un emprego que lles garanta vivir autonomamente e non da beneficencia como ocorre frecuentemente adoptando medidas de reinserción social. Asemade, son necesarias leis laborais que defendan os dereitos das traballadoras e para evitar os abusos económicos e as malas ou nefastas situacións de traballo. 

Neste senso, hai que diferenciar o que son as redes que posibilitan a entrada ilegal de emigrantes do que son as mafias (estruturas organizadas que extorsionan ás persoas mediante chantaxe, coacción e violencia, para obrigalas a facer algo en contra da súa vontade).

Habería que distinguir ou ter en conta, como mínimo, que existen prostitutas que traballan por conta propia, en solitario na rúa ou agrupándose en pisos compartidos, e as que traballan por conta allea, en bares, clubes, saunas, etc. (incluso, distinguindo as que cobran soldos fixos ou porcentaxes). Neste último suposto, é necesaria unha regulación das relacións laborais cando o traballo se exerce intervindo terceiros, é imprescindíbel contemplar unha serie de dereitos para as traballadoras incluída a cotización á seguridade social, tendo as mesmas prestacións socio sanitarias, dereito á xubilación e a pensión por invalidez, e que se lle recoñezan enfermidades profesionais.

Moi escuetamente, paso a enumerar algunhas das reivindicacións mínimas que deberían regularse previo estudo e diálogo cos sectores afectados: -Garantir a liberdade para deixar a prostitución (oferta pública doutras posibilidades profesionais, inclusive a formación precisa e capacitación profesional, incluíndo ás inmigrantes).-Persecución intensa e efectiva da prostitución forzada, con coordinación eficaz dos distintos organismos, corpos e entidades (policía, garda civil, xulgados, avogacía, inspección de traballo, etc), incrementando a seguridade e vixilancia policial para combater a explotación sexual doutras persoas e de menores.-Protección das prostitutas diante da violencia -sexual ou non- mediante a adopción de recursos legais suficientes.-Lugar de acollida para as mulleres e os seus fillos sen vivenda.Axudas a prostitutas con fillos (escolarización, escolas infantís...)-Recoñecemento de prestacións sociais como en calquera outro traballo (dereito ao paro, baixa por enfermidade...) artellando o encadramento das persoas que se prostitúen na Seguridade Social, tanto para posibilitar as súas aportacións sociais como para permitir o seu aseguramento profesional fronte a situacións de necesidade.-Servizos sanitarios e asesoramento xinecolóxico gratuítos.Por último, quero lembrar, que hai sentenzas , como a do Xulgado do Social de Granollers, que declara a existencia de relación laboral e o despedimento improcedente nun caso dunha muller que traballaba nun clube de alterne, que existen numerosas sentenzas dende hai décadas que veñen xa recoñecendo en base ao artigo 1.1 do vixente Estatuto dos Traballadores, a existencia de relación laboral na denominada actividade de alterne , que agocha en moitas ocasións, a prestación de servizos sexuais, mais nesas situacións queda acreditado que existen as notas de alleidade, dependencia e retribución que caracterizan a existencia dunha relación laboral. Tamén a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Euskal Herria, ditada o 7 de abril de 1998, que confirma unha sentenza ditada polo Xulgado do Social nº2 de Bizkaia de data 11 de xuño de 1997, por ser unha demanda de oficio formulada pola Dirección Provincial de Traballo, levantando a correspondente acta de infracción de seguridade social. Consecuentemente, tan só nos excepcionais casos que chegan á xurisdicción social e que son á súa vez estimados, regularizarase unha situación que xa debía estar regulada.

[04-03-2010 ] xoxua comentou:

hai que abolir calquer tipo de escravitude. Non hai " libre eleccion" cando se fala da diginidade das persoas

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña