22:45 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-12-2010

O informe do IGEA pon de manifesto unha nova vía na cuestión da lingua: a dos inxenuos que cren que nunha sociedade poden coexistir dúas linguas en situación equitativa

Preparados/as para o radicalismo?

Valorar (33)

SILVANA CASTRO GARCÍA



Hai unhas semanas Henrique Monteagudo e Antón Reixa presentaron en rolda de prensa o informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica divulgado polo Instituto Galego de Estudos Galegos e Autonómicos.

Neste documento de apenas 13 páxinas analízase a situación da lingua galega dos últimos anos, desde a reforma normativa de 2003 até o momento actual. Incídese na carencia dun debate político e social cando se aprobou o Plano Xeral de Normalización Lingüística  en 2004, o que callaría, segundo os autores, nunha perda do consenso lingüístico acadado.

A seguir, o informe pasa a indicar cales terían que ser, na opinión dos autores, os retos futuros do galeguismo político, para rematar facendo unha apoloxía da diversidade, do que eles dan en chamar "bilingüismo restitutivo".

Quen lea o informe sen ter nin idea do que pasou coa lingua galega na última década (non recúo moito máis no tempo, non sexa que me chamen anticuada) pensará que a sociedade galega está a pasar por unha pequena fochanca sen profundidade, que cun pouco chapapote amañamos o buraco e imos tirando, non sexa que nos chamen paletos e aldeanos. A inxenuidade de certos criterios, especialmente cando veñen de xente tan preparada como os asinantes, resúltame realmente conmovedora.

Deste xeito, ao longo do texto atopamos afirmacións tan rotundas como a de que "o conflito lingüístico non necesariamente desemboca na imposición dunha lingua e a liquidación da outra, senón que pode irse resolvendo mediante sucesivos acomodos que os grupos atinxidos consideren aceptables, e que signifique melloras cara a unha situación xusta e equitativa" (p. 8).

De esta situación se producir o meu ateísmo veríase profundamente afectado e tería que darlle a razón e as grazas aos asinantes por restituírme a fe nos eidos do Señor. E uso deliberadamente o verbo "restituír" para ser equitativa e cederlle paso a esta nova terminoloxía Sociolingüística, a ver se chegamos a un acomodo aceptábel e deixamos de chamarlle sempre "bilingüismo harmónico", que tan de moda se puxo hai unhas décadas, curiosamente, as mesmas que o galego leva perdendo falantes entre a sociedade máis nova, que é a que vai ter que "instituír" esa suposta equidade.

Tarefa difícil a que lle deixan estes autores ás vindeiras xeracións, posto que non existe ningunha nación no mundo, con ou sen Estado, en que dúas ou máis linguas coexistan en pé de igualdade, e necesitaríanse moitos estudos e moitas análises de campo para demostrar que o que neste informe se propón podería ser posíbel, cousa que dubido á luz das análises empíricas.

Falarmos de "restituír" a equidade é falarmos en termos anacrónicos e deliberadamente simplistas e inxenuos, para lles dar gusto ás orellas menos "radicais" e populosas. Os galegos (e non Galiza) pasamos dun monolingüismo en galego (aló pola Idade Media) a sermos cando menos bilingües, mais foi a costa dunha imposición histórica que non parou. Os procesos históricos vense co paso do tempo, e de considerarmos atinxido o problema do conflito lingüístico estariamos botando por terra todo o traballo previo feito e construíndo gaiolas no aire.

Finalmente, para non estenderme máis, gustaríame resaltar outra das afirmacións que se fan cara ao final da análise onde se di que "a evolución da convivencia entre os grupos e as linguas dependerá de dinámicas abertas propias das sociedades democráticas" (p. 10). Os autores queren escapar de todo radicalismo, está claro. Confórmanse con instaurar unha "Tregua de Deus" en vez de apostar pola loita nas Cruzadas. E paréceme incluso saudábel: vendo como está o panorama, asumen menos riscos de saíren mutilados na batalla.

Pola contra, consideramos o radicalismo como unha posíbel vía desta ditadura do castelán, deste asoballamento que non cesa malia estarmos a finais da primeira década do século XXI. Radical é o que volve á raíz, ás orixes, e nas orixes do pobo galego non está o castelán, senón o galego, por tanto a restitución dunha equidade que nunca existiu é absolutamente utópico.


1 2 seguinte

[30-12-2010 00:39] Ana comentou:

Antón Reixa? O famoso sociolingüista? :D

[17-12-2010 20:41] Eu comentou:

Concordo con D.V., máis unha vez fica claro o que significa ese famoso "aperturismo", renuncia aos principios. Aínda non se pronunciaron os do informe sobre a súa utilización polo PP para atacar a Queremos Galego?

[17-12-2010 16:18] LP comentou:

Boa resposa ao IGEA, a verdadeira resitución é o galego para Galiza e o español para para España, agora ben xa sabemos que hai para que Galiza é España.

[16-12-2010 13:02] D.V. comentou:

Parabéns polo artigo Silvana. O malo que o desta xente non é para nada inxenuidade; o que pretenden é xerar confusión recreándose nese aperturismo fantástico que aplican en todo o que tocan. E neste caso tocoulle á lingua. Menos mal que moitas e moitos temos claro que ese non é o camiño.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña