23:17 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-12-2010

Fai falta que non nos deixemos intoxicar con esas “realidades” que non son tal

Galiza subsidiada... ou anulada?

Valorar (8)

ALEXANDRE SIEIRA ALMALLO



Leo nun periódico galego, en primeira páxina, que Galiza xa ten máis pensionistas e parados que cobren subsidios ou prestacións, que traballadores en activo que estean a cotizar.   

E apoian esta noticia con datos estatísticos e uns testimonios.   

Tamén no apartado de opinión,  poñen de manifesto a importancia da solidariedade interterritorial (ameazada últimamente polos "nacionalistas" cataláns) e a necesidade que se maximice o gasto e  o investimento público.   

E con ese mantra despachan ese gran problema que temos en Galiza.   

Poñendo esa noticia pensarán que son uns periodistas de manual e  máis galegos que ninguén.   

De inmediato, ó ler a noticia, pensei de súpeto que lle faltaba algo no titular; algo como uns puntos suspensivos e a coletiña "obxectivo conseguido".  

Estes que queren dirixir a opinión galega dende ese periódico están a practicar, dende fai moito tempo, unha sorte de falcatruadas intelectuais, revestidas de todo tipo de datos -incompletos e con un tratamento maniqueo e nada científico-, que fan que o lector teña a sensación que isto é inasumible, que Galiza é un desastre, e que menos mal que temos en Madrid a posibilidade da salvación. Será por iso que se alegraron tanto que no concurso eólico Unión Fenosa levara un dos premios gordos...

Non falan nese artigo, de por qué se está a dar ese fenómeno, como puidera ser a falta de compromiso das élites tradicionais (financeiras, empresariais e de opinión) na defensa de Galiza como territorio capaz de artellar unha serie de sectores competitivos e con futuro (un exemplo foi o concurso eólico e antes o expolio dos nosos ríos). Tampouco fan referencia a eses fluxos migratorios que fan, por unha parte, que moitos galegos retornan cando conseguen chegar a pensionistas (deixando no pobo de acollida aos seus fillos e os descendentes de estes), e por outra, a necesidade que fai que moitos dos nosos mozos teñan que buscar traballo en territorios lonxanos (agora, en especial os mellor formados).  

Ou acaso a emigración non é unha variable a tratar no noso pais?   

Pero, claro está, así a noticia pode que invite á reflexión. E iso non interesa.  

Mellor darlle ó lector a noticia/mantra como se leva agora, sen esquinas, redonda e branda, coma un "donut". Pero ese tipo de noticias/alimento lixo leva de man, e ábrelle a porta á inacción e a un sentimento de incapacidade por parte de esta sociedade en cambiar nada.  

Lendo isto, a xente nova mellor formada parece que soamente ten como opción intelixente saír de este barco que está a piques de ir para o fondo. Que aquí non hai futuro, que si se cren con capacidades o mellor e marcharse.  

Sinto moito dicir que esta noticia de hoxe, transportoume a outras noticias que vin en outros periódicos, do século pasado e do anterior.

Recordo ver os anuncios de navieiras que facían escala en Vigo e A Coruña, para transportar aos mozos galegos para diferentes países de sudamérica. E claro está, o negocio é o negocio, os que facían as noticias, incitando a tomar ese camiño a todo aquel que pensara que estaba nas súas capacidades cambiar a súa realidade.  

Iso non é patrimonio das nosas élites. Tamén vin esas tácticas no Museo das Emigracións en Roma, onde en diferentes ocasións, os gobernos tiñan que facer bandos para tentar atallar a información/lidos periódicos, que pintaban á emigración como unha sorte de lotería con premio seguro, e que conseguían que milleiros de persoas embarcaran para onde o "mercado" dicía que había un futuro de cor rosa.

Pasaron máis de cen anos, e seguimos na mesma. Algúns opostan por perder un ollo, para que os seus veciños sexan cegos. E o triste e que teñen un gran poder de influencia. Un poder baseado en retorcer a realidade e facela patrimonio deles. Eles din que son a voz da realidade.  

E o certo é que son os que queren seguir sendo esa élite inmovilista,  apoltroada, que nunca fai nada polo seu entorno, e que loita sempre para que nada lle poda facer sombra no seu terreo. Ven sendo como un gran eucalipto que trata de coller toda a auga para él, sen importarlle que o seu entorno se desertice.  

Non lle estorban os probes, mais ó contrario, precisan deles, pero con algún subsidio para que non protesten, e así poden seguir instalados como elite dun pais que non funciona e que necesita permanentemente da esmola europea.  

Agora piden políticas que maximicen o gasto público, seguro que acompañadas con unhas boas/golosas campañas institucionais nos medios de comunicación que controlan. Cos anuncios das meretrices e dos políticos pesebreiros que non cren na institución para a que din que traballan, van cumprindo a sua folla de ruta. E o tempo vai pasando e tentando que nada cambie, para seguir sendo algo importante. E para os moi mediocres, ser algo implica non deixar crecer nada ou queimar todo o que os rodea, non esforzarse en ser dos mellores, senón ser o único porque o que debería existir tivo que facer o seu proxecto vital ou empresarial onde as condicións non sexan tan tramposas.  

Xa abonda de noticias tramposas e de esmolas ou favores dos que nos tutelan.  

Temos capacidades e recursos naturais e humanos suficientes. Soamente fai falla que non nos deixemos intoxicar con esas "realidades" que non son tal, e que poidamos crecer crendo en nós mesmos, como un pais con forza para remover o noso camiño, talando esos eucaliptos que secan todo proxecto que quer saír adiante nesta terra. Non vai ser doado, pero sen atitudes psicolóxicas positivas, seguiremos arrastrando eivas de séculos.         


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña