19:35 Luns, 25 de Maio de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-12-2010

Non esquezamos o que dicía o vello -máis actualísimo- lema de ERGA: unir e organizar, organizar e loitar, loitar e vencer!

A referencialidade da alternativa estudantil nacionalista

Valorar (29)

ROI GARCÍA CAMBA



Veñen de ter lugar, o pasado día 2 de decembro, as eleccións a claustro, xuntas de centro e consellos de departamento na Universidade da Coruña. Nelas, os Comités, a organización do estudantado nacionalista, herdeira de ERGA e dos CAF, consolidaron a súa posición maioritaria e referencial nos campus da Coruña e Ferrol, subindo en representación ata os 33 claustrais (o 40% dos representantes de estudantes electos) e acadando representación en todos os centros onde presentaron candidaturas.

Cómpre ter en conta á hora de facer unha reflexión sobre o movemento estudantil que non se pode valorar o traballo dunha organización exclusivamente en función de resultados electorais, menos aínda se se aborda o tema desde un punto de vista minimamente crítico. A intencionada despolitización da universidade, a composición dos órganos de goberno, onde sectores como o estudantado están claramente infrarrepresentados e a progresiva concentración das competencias nos cargos unipersoais e en organismos como o Consello Social (en detrimento do Claustro) fan que a maioría do estudantado non perciba como útil a participación nos procesos electorais universitarios. Mais o movemento estudantil nacionalista, precisamente polo seu carácter nacionalista e polo tanto transformador, sempre evitou caer en dinámicas electoralistas e institucionais e centrou os seus esforzos en organizar ao conxunto do estudantado, facéndoo partícipe da loita por unha universidade pública, galega, democrática e de calidade.

Os resultados dos Comités nas eleccións na UdC, así como tamén os do ano pasado na USC e na UVIGO, non se poden interpretar pois, desde un punto de vista puramente electoral, senón que reflicten a realidade existente nas aulas das diferentes universidades galegas. Esta realidade non é outra que a persistencia e referencialidade da alternativa estudantil nacionalista nun contexto no que o movemento estudantil está en horas baixas. Os Comités son, a día de hoxe, a única ferramenta do estudantado galego para a defensa dos seus dereitos e polo tanto, confirman o acerto do nacionalismo galego no impulso dunha organización aberta, plural e independente, sen ataduras nin dependencias de ningún tipo.

Os Comités representan a continuidade e vitalidade dun proxecto estudantil que nace con ERGA e continua cos CAF e CAE sobre unhas mesmas bases, evidentemente firmes. Este feito é destacábel por extraño, non só no estado español senón tamén tamén na Europa. Porén, é coñecido que as galegas e galegos tendemos a minusvalorar as realizacións propias a consecuencia diso que se deu en chamar autoodio, que nos leva a pór en cuestión acriticamente toda realización colectiva da que somos quen. Contra esta doenza a receita é a autoestima: valorar o que somos, o que facemos e contribuír a melloralo. Como nos deixou escrito Castelao "Non lle poñades chatas a obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela; hai sito para todos"

Precisamente neste momento no que, coa escusa da crise económica, as agresións ao ensino público galego se multiplican e cando a universidade galega segue a ser un dos principais elementos de colonización, claramente disfuncional para a normalización e posta en valor da nosa lingua e cultura, debemos ser quen de valorar a unidade como a única forma de podermos dar unha resposta continuada desde o estudantado nacionalista. Cómpre termos presente que de pouco vale sermos quen de provocar fenómenos de mobilización e contestación puntual se non somos quen de organizar ao estudantado en coordenadas nacionalistas que nos permitan gañar a guerra aínda podendo perder batallas polo camiño.

Cómpre seguir a fortalecermos os Comités, partindo da base de realizar un traballo acaído coa problemática concreta dos diferentes centros, pois demostrar a súa utilidade práctica é a forma de achegarmos o proxecto nacionalista ao estudantado e de conseguirmos unha maior capacidade de mobilización e resposta. Mais isto non pode significar caer no erro da atomización do conflito, perante unha agresión que é cada vez máis global. É hoxe máis necesaria ca nunca a unidade de acción para combater a redución do financiamento público e o sometemento da universidade aos criterios o mercado, a suba das taxas, a diminución das bolsas, a nula política de aloxamento público para estudantes e a privatización de servizos. É hoxe máis precisa ca nunca a unidade de acción para unha actuación coordinada que, fronte ao localismo e a competitividade entre as universidades, aposte por unha universidade galega pública descentralizada, asentada no País e que teña como obxectivo o desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza.

Parabenicémonos pois, todas e todos, do traballo feito ata o momento mais sexamos conscientes de todo o camiño que fica por percorrer e non esquezamos o que dicía o vello -máis actualísimo- lema de ERGA: unir e organizar, organizar e loitar, loitar e vencer!


[12-12-2010 17:50] Álvaro comentou:

Mais iso tamén é síntoma da fortaleza dos Comités, non cres Lois?

[12-12-2010 04:49] Roi comentou:

Pois exactamente 9 dos 32 claustrais dos comités foron xa eleitos sen votación, por haber menor ou igual número candidaturas que postos. E como engadido igual non se debera desprezar o feito de ser capaces de presentar candidaturas onde ninguén máis é capaz. E como segundo engadido igual o feito de que non haxa máis candidaturas ten que ver coa forma e o tempo co que se convocan as eleccións.

[11-12-2010 02:19] Lois comentou:

E cantos deses representantes foron elexidos polos estudantes e non directamente por non existir outros candidatos?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña