20:06 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-03-2010

Grandes empresas, bancos, emprendedores e famosos tentan que sexamos optimistas e teñamos confianza, porque segundo a campaña publicitaria na que participan a maior parte da crise está na nosa cabeza

A solución non é individual senón colectiva

Valorar (18)

MONTSE PRADO CORES


O presidente de la CEOE, Gerardo Díaz Ferrán


Nestes días asáltanos desde moitos medios de comunicación e topámonos nas rúas das cidades galegas unha campaña publicitaria en letras pretas sobre fondo branco, unha campaña simple pero efectiva cun enderezo web "estoloarreglamosentretodos.org". Non asina ninguén e nunha primeira lectura poderíamos pensar nun chamamento á solidariedade propio dunha ONG. Pero o grande desenvolso de cartos que supón esta campaña será de unha entidade solidaria e comprometida ou estaremos diante dun novo negocio.

Se unha teclea o enderezo no computador apareceu rapidamente a páxina da campaña e podemos coñecer a súa suposta historia; segundo nos contan foi Jaime un publicista o pai da criatura que despois comparte con Susana, a súa parella e finalmente decide levarlla ás Cámaras de Comercio, que se ilusionan e deciden poñela en marcha creando a Fundación Confianza. Unha fundación da que participan entre outros o BBVA, CajaMadrid, ENDESA, El Corte Inglés, Telefónica, Banco Santander e Iberdrola, e ten como portavoces  a Javier Gómez Navarro, Antonio Garrigues Walker Guillermo de la Dehesa e Miquel Roca i Junyent, todos homes  de recoñecido prestixio, que fan un chamamento á sociedade civil para que se mobilice.

Mobilizarse para que? ou mobilizarse cara onde?

Se profundizas máis e reflexionas sobre o que che están ofrecendo descubres un discurso verdadeiramente preocupante, pois semella que a actual situación non ten culpábeis, e ademais pode sairse dela moi facilmente; só precisamos ter ilusión, pois a campaña amósanos ducias de persoas que triunfaron só polo feito de ter ilusión.

A mensaxe que nos transmiten é moi sinxela; da actual situación podemos sair sempre e cando estexamos dispostos. Non se precisan decisións políticas só iniciativa e ilusión.

Na nosa sociedade campañas deste tipo o único que pretenden é agachar a realidade e os problemas colectivos baixo o suposto éxito dos emprendedores, é decir, unha especie de soño americano hoxe tan de moda coa chegada dun home de raza negra á Casa Branca.

É a mensaxe do apoliticismo "se ti queres podes"  é cuestión de entusiasmo e de optimismo, a mensaxe é clara: Si sumamos todos os éxitos individuais conseguiremos o éxito colectivo.

Arranxémolo, mais sen grandes mudanzas non vaiamos poñer en cuestión o marco económico ou institucional. Arranxémolo, máis sen que a política se meta polo medio.

Sería terribel que mensaxes coma esta tiveran acobillo na nosa sociedade, que nos convenceramos de que a superación da crise é só cuestión de esforzo individual e non da necesidade de cambiar o modelo; que é só cuestión de arrimar o hombreiro e non caer na tentación de esixir cambios.

O nacionalismo galego sempre empregou a pedagoxía para facerlle ver ao noso pobo a necesidade de unirnos para construir a nación; sendo esa unidade máis necesaria si cabe en momentos como este, cando Galiza está a sofrir unha doble crise, a crise económica global e a crise política do desgoberno.

Estou segura de que podemos arranxalo entre todos e todas; esixindo cambios, esixindo control público do sistema financieiro, esixindo que quen máis ten máis pague, esixindo que o aumento do consumo veña polo aumento dos salarios dos traballadores e traballadoras e non polo seu endebedamento.

Xa que o obxectivo da campaña é crear confianza, eu fago un chamamento a facerlles caso, porque efectivamente a solución está en ter confianza nas nosas capacidades colectivas para forzar os cambios que se precisan. 

[07-03-2010 ] Fuco comentou:

Se ti queres ti podes. Detrás desta frase agóchase unha idea que non podemos menos que considerar perversa: se non podes é por que non queres.

Esta campaña semella querer convencernos de que a solución aos problemas actuais está unicamente nas nosas mans; que aquel ou aquela que non supera os efectos desta crise é porque non quere, porque non pon o interés e a ilusión suficiente. Un intento nada inocente de trasladar a responsabilidade da situación económica actual a aqueles que sofren as consecuencias da mesma.

Os promotores desta campaña coinciden sospeitosamente cos culpábeis da crise económica que padecemos. Son pois os que causaron a crise os que agora tentan convencernos de que a responsabilidade é nosa, de que se non saímos adiante é pola nosa falta de ilusión. Nada ten que ver a perdida de postos de traballo, a precarización dos contratos, a perda de dereitos sociais e laborais, a falla de financiamento para as pequenas empresas... O verdadeiro problema é que non estamos ilusionados.
Haberá que dicir que chove.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña