22:50 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-12-2010

Sinceramente, considero que con respecto á nosa lingua non hai experimentos que sirvan

Coa miña língua quero feitos non utopías

Valorar (39)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ


Rio Arenteiro


Certos discursos dos inimigos do galego, por aquilo de repetilos aé o fastío, callan dunha maneira máis que efectiva en sectores que supostamente deberían estar máis ideoloxizados, ou o que é o mesmo, vacinados contra eses discursos. Os vellos tópicos en contra da lingua son absorbidos até por aqueles que pasaron media vida pregoando a ruptura con eles. Non sei se é froito dunha mudanza de pensamento, convicción firme ou mera asimilación dos discursos mentireiros e intencionados dos que antes facía mención.

Ven o anterior por mor, ou case neste caso prefiro dicir, por culpa do, xa a estas alturas, famoso informe do IGEA e da resposta que Anxo Quintana dá ao, atinado e sempre maxistral, artigo que Pilar García Negro escribiu tras analizar, debullar e logo valorar, como é lóxico, o devandito informe.

Eu non pretendo entrar na discusión de fondo de cal é o mellor xeito de normalizar a lingua galega, primeiro porque a miña ousadía non é tanta como para opinar no terreo do sociolingüismo, cando non son sociolingüista e, segundo, porque coido que o teño moi claro, normalizar unha lingua é, nin máis nin menos, que empregala da mañá á noite, con todas e todos e en todos os ámbitos posíbeis (aclaro isto porque, e aquí é onde nos atopamos coas eivas, ou tapo orellas e ollos ou estar ben informado neste país de "bilingües" aínda segue a ser unha actividade -agás escasas e meritorias excepcións- plenamente monolingüe) e así procuro facelo, tanto por satisfacción e orgullo persoal, tanto como forma de reafirmación diaria e, se cadrar, como exemplo para quen queira collelo. Tamén e porque non? e estou no meu dereito, como "idealización dunha sociedade monolingüe" por moi inviábel que esta sexa, que tamén o é a igualdade entre os pobos ou un mundo sen armas nin violencias e non por iso vou deixar de loitar por iso. O contrario chámase conformismo ou pasividade.

Dito isto, que non é máis que unha obviedade pola miña parte, como o debería ser que todo militante nacionalista debería facer o mesmo, paso a explicar o que quero dicir sobre o de absorber tópicos ou discursos espurios. Dun tempo a esta parte percibo que algunhas compañeiras e compañeiros mudan estratexias ou maneiras de actuar influenciados por opinións totalmente interesadas en conseguir xustamente o contrario do que estas compañeiras e compañeiros. Estas opinións soen ser dunha locuacidade e posta en escena que os fai ver como xente independente ou de esquerdas e por tanto, as veces, por riba de quen temos o tremendo defecto de definirnos ideoloxicamente con rotundidade e claridade. Non esquezamos que certos grupos, sectores ou como se lles queira definir, axudaron ao retorno da dereita españolista ao goberno galego, empregando unha hipercrítica ideolóxica que nunca chegaron a usar -nin no pasado nin no presente- cos gobernos do Partido Popular.

O obxectivo destes discursos rematan coa propia asunción de que as e os nacionalistas galegos debemos agochar, por estratexia e intelixencia, e cando for necesario "polo ben do país" a nosa, chamémoslle, identidade. Semella que agora non é bo que nos introduzamos nos movementos asociativos veciñais ou culturais porque a xente vai dicir que están controlados polos do bloque e iso vai ter un efecto de rexeite. Os movementos a prol da lingua deben dirixilos persoas sen carné político para que non digan que o bloque está detrás para manipular e non para defendermos a lingua, e así en moitas ocasións até o punto de facerme dubidar se será bo para o edificio onde moro que eu sexa o presidente da comunidade cando me toque, non vaia ser que galeguice o ascensor e rematemos chamándolle, eu que sei! Rubidoiro eléctrico, por poñer o primeiro nome que se me veu á cabeza.

O que si está sendo unha realidade ou "verdade coma un puño" -que dicía sempre un meu veciño, xa finado, cando falando do gran tamaño dos furados que facían os obuses na fronte de Aragón afirmaba que neles cabían tres carros de estrume-, é que o que debería ser unión firme e sen rachaduras encol do noso maior sinal identitario, por mor, repito, desas opinións ben premeditadas e intencionadas, estase convertendo en motivo de certa discordia e isto é, ao meu entender, perigosísimo.  E é perigosísimo porque a quen interesa manter a teoría do enfrontamento idiomático lle estamos pondo nas mans a razón, por moi falsa que esta sexa.

E dentro destas reflexións outra que, por obvia e quizais excesivamente sinxela que sexa, non deixa de ser certa. Se os e as nacionalistas non nos convertemos en primeiros e, por que non? belixerantes, no bo senso do termo, defensores da lingua de noso, quen o vai facer? Acaso a defensa da lingua non foi sempre aparellada á defensa dos propios intereses? Acaso, os chamados provincialistas e logo os rexionalistas ou o Partido Galeguista disociou a lingua do resto das súas reivindicacións?

Sinceramente, considero que con respecto á nosa lingua non hai experimentos que sirvan. Todas e todos (coido) temos moi claro que o tal bilingüismo é unha falacia, unha maquillaxe trala que se agocha unha maneira moderna de chamármoslle ao que sempre se chamou colonialismo idiomático. Se hoxe en día, e iso tamén é certo, xa son moitas as familias que non teñen ningún contacto co galego e ás veces xa nin xeracional, non son esas as que deben reclamar os seus dereitos ou as súas liberdades lingüísticas porque, e deixémonos de andrómenas, esas persoas xa están gozando deses dereitos e liberdades sen o máis mínimo problema nin rexeite. Seguimos a ser as e os galegofalantes quen perdemos a nosa lingua a unha velocidade endiañada, quen perdemos a nosa cultura nun proceso de asimilación do alleo dun xeito sen parangón na nosa historia.

Non nos enganemos con fórmulas máxicas nin falsas utopías, se queremos de verdade salvar a lingua (hoxe aínda ten amaño, mañá xa non o sei) ha ser con políticas lingüísticas valentes, sen dependencias de votos e chamando ás cousas polo seu nome. Se as e os nosos gobernantes, sexa cal for a súa cor, non queren pasar á historia como as e os enterradores do galego mañá mesmo deberían aprobar unha lei, non de normalización ou dinamización, senón a Lei da inmersión lingüística en galego.


1 2 seguinte

[13-12-2010 22:20] manuel comentou:

Rabia. Moita rabia!!
Tamén tristura. E desencanto. Infinito desencanto!!
Estou só. Eu. Só. Só eu.
Abro a ventá.
Aspiro. Forte. Máis forte.
O arrecendo que me chega é de fedor. De mentira. De farsa.
Son eles. Están aí.
Sigo aspirando.
Máis e máis forte. Aínda.
Seguen aí.
Mellor, pecho a ventá.
Ti estás dentro.
Parabéns eternos.
Eladino.

[05-12-2010 22:29] Antonio das Mortes comentou:

Se a memoria non me engana:
"Son un bilingüsta moi apaixoado
Un colonialista ben colonizado
Teño lingua pai, teño lingua nai
e unha lingua filla
que me maravilla"
E paresme que se lle ocorrira a un tal Manuelmaría, ou algo esí, fai disto non sei canto, non me lembro....
Como vedes, estamos cheos de novidades!
Logo de 500 anos de conflicto lingüístico, e de espellos históricos nos que verse, estudar e aprender, seguen os ranchos na mesma lamaceira criada polo amo-invasor o primeiro día: Doma e castración, estades rodeados e non hai nada que facer; entregade o idioma, os recursos, a forza de traballo e agora tamén as pensións.
Obrigado, por tanto, Eladino; ademáis de ser coherentes, hai que terquear.
Dicía un meu viciño que a única maneira de conducir un porco é terquear máis ca él, co pau e coa espiga...

[05-12-2010 22:03] lp comentou:

Os nenos mimados de onte, romperon o xoguete electoral e tórnanse soberbios.

[05-12-2010 15:28] Xanza comentou:

Non sei se vistes esta crítica de Henrique Monteagudo a este artigo:

"Convido a degustar este exabrupto, máis ca nada porque informa moito do 'arrière-pensée' (isto é, o pensamento de fondo) de certa xente. Notade especialmente o parágrafo "se queremos de verdade salvar a lingua... ha ser con políticas lingüísticas valentes, sen dependencias de votos...". Nin informes, nin votos, nin gai...tas, unha lei de inmersión lingüística como é debido no comité central do partido e asunto arranxado"

Carlos Callón respóndelle no seu blog:
http://www.carloscallon.com/2010/12/accion-e-inmersion.html

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña