18:07 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-12-2010

Adquirirmos unha mínima consciencia e coñecemento do que foi o Reino de Galiza é clave

Afondar na nosa historia, traballar polo noso futuro

Valorar (17)

XAVIER CAMPOS LÓPEZ


Coroación de Alfonso VI


Na batalha de Uclés (1108) em que foi derrotado pelos Mouros, Afonso VI, o conquistador de Toledo, rei de Leao e de Castela, perdeu um filho querido. A crónica latina em que é narrado este acontecemento interrompe o texto latino para reproduzir a lamentaçao do rei na sua própria lingua materna: "Ay meu fillo! ay meu fillo, alegria do meu coraçon e lume dos meus ollos, solaz de mia velhece! Ay meu espello en que me soía veer e con quen tomaba gran prazer! Ay meu herdeiro mor. Cavaleiros, u me lo deixastes? Dádeme o meu fillo, Condes!"

Qualquer leitor entende que o rei de Leao e Castela se estava queixando em galego, que era a sua lingua, a sua lingua de criaçao. Este rei era avô de Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal.

Deste xeito comeza a súa moi difundida Iniciaçao na Literatura Portuguesa o estudoso portugués Antonio José Saraiva. Son de recoñecer as súas palabras por canto, aínda  reparando nunha obviedade,  sitúan o foco nunha cuestión pouco explicada desde o ámbito da historia e da literatura nos territorios ibéricos. Por suposto no caso galego, afeitos á asunción acrítica do discurso histórico que a este respecto nos inculcaron como neutral e incuestionábel desde a escola, rara vez reparamos en moitos deles e nos porqués subxacentes que os explican.

Unha destas cuestións é, por exemplo, a das cantigas medievais, o riquísimo corpus literario que conforman as cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer das que temos constancia a través dos Cancioneiros. ¿É críbel que o galego puidese acadar un grao de relevancia tal que o fixese ser lingua de expresión e de creación dos reis propios -que nos son transmitidos sempre como de León ou Asturias- e mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo- sen que houbese unha correspondencia a esa relevancia no plano político e económico, isto é, un contexto socioeconómico e sociopolítico que nos dese as chaves de por que o galego e por que a Galiza daquel tempo eran un foco de cultura de tal importancia?

Non convén proxectar na historia a realidade actual nin substituír uns mitos por outros, e xustamente por iso débese esixir honestidade e rigorosidade a este respecto. De o facermos, non queda outra que cuestionar abertamente a propagandística e españolísima historia que, como ferramenta lexitimadora dunha vontade política unitarista de longa tradición filolóxica e historiográfica, pretendeu vertebrar España á forza nas nosas cabezas de alumnos e alumnas dos diferentes sistemas educativos.

Só deste xeito poderemos achegarnos e explicarnos, á marxe da mera ideoloxía, o nacemento de Portugal como reino a partir do vello espazo histórico da Gallaecia, ou as continuas referencias nas fontes árabes a Jalikiah como termo que designaba o conxunto de territorios cristiáns do noroeste (traducido sorprendentemente pola historiografía española  como Reino de León, a pesar do cristalino do seu significado), ou por que é en Compostela onde se acorda facer "aparecer" o sepulcro do Apóstolo Santiago, ou por que os reis -aínda tendo a Corte en León- criaban aos seus fillos nas principais casas da Galiza -os Traba, primeiro, e os Castro, despois- e se rodeaban de nobres desta procedencia.

Forzar a historia e facérnola pasar por neutra, por obxectiva e científica,  resultou tarefa longa mais de innegábeis froitos para a ideoloxía castelanista que estivo no cerne do proxecto estatal español. Os seus efectos mantéñense hoxe vivos, teñen consecuencias nos nosos comportamentos identitarios e psicosociais e están a ser premeditadamente reforzados. Vémolo coa intensa produción e difusión de materiais ideolóxicos españolistas (Hispanias televisivas, repasos en clave persoal á modélica Transición, uso político dos éxitos deportivos, ...), ou no descaro con que a oligarquía senta sen disfrace co presidente do Goberno e lle solicita a involución do modelo do Estado das autonomías.

Nun contexto tal revélase de vital importancia sermos quen de defender os nosos símbolos de identidade e a nosa propia historia como pobo e, neste sentido, adquirirmos unha mínima consciencia e coñecemento do que foi o Reino de Galiza non é cuestión menor. Materiais para facelo hainos, e bos. Hai arredor dun ano a Fundación Bautista Álvarez celebrou sobre a época medieval galega unhas moi suxestivas e interesantes xornadas no Museo do Pobo Galego, que poden ser vistas nesta mesma web do Terra e Tempo dixital. Ao mesmo tempo, son sempre de salientar traballos de investigación como os imprescindíbeis (Anselmo López Carreira, A Nosa Terra) e O Reino Medieval de Galicia (Anselmo López Carreira), Lingua galega, normalidade e conflito (Xosé Ramón Freixeiro Mato, Laiovento), ou ensaios como o exitoso e ameno Otra idea de Galicia (Miguel Anxo Murado, Debate). Cada un no seu campo (histórico, filolóxico e literario-xornalístico) deitan luz sobre o proceso ideolóxico que construíu unha historia oficial á medida da España unitarista e contribúen a deixar en evidencia os mitos e lecturas interesadas que a sustentan.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña