21:08 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-11-2010

Cando chegan as eleccións, o poder, coa súa propaganda, trata de tapar a realidade

As palabras e as cousas nas eleccións no ensino

Valorar (40)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Cando chegan as eleccións, o poder, coa súa propaganda, trata de tapar a realidade. No ensino, logo de anos sendo usado como arma arreboladiza e como reclamo electoral, chegou a tal extremo a disociación entre as ilusións que se proxectan e os feitos que habería que preguntarse como é posible soportar semellante fenda, como hai quen comunga con tamañas roldas de muíño?

E non só hai que reparar na chamada dereita que tanto nos escandalizaba coa imaxe dunha "imposición lingüística" que ninguén vía nos centros. O máis nefasto foi o papel da chamada "esquerda" española que mentres alporizaba e alimentaba aos seus virtuais adversarios, levaba a cabo a política que lle imputa aos seus contrincantes.

Canto nos learon coa "educación para a cidadanía" facendo causa da súa defensa fronte a unha dereita integrista que nos dicían que trataba de impedir que a xente soubera pór un condón. Cal foi a realidade? Pois que eliminaron a educación nestes valores que se viña levando a cabo como temas transversais no conxunto das materias e se reduciu nunha hora semanal a que ía abordar isto nun momento clave para a mocidade, no 1º de bacharelato. E para acabar de rematar a faena, déronlle aos cregos a posibilidade de impartir esta materia. E este foi o motivo de controversia central que diferenciaba a dereita da esquerda española na educación durante estes anos?

Lembramos como esta redución horaria da filosofía e cidadanía abriu un debate acerca da intanxible e irredutible relixión. Por primeira vez estivo a punto de sacarse esta materia confesional do horario lectivo común. Cataluña, Baleares, Asturias e outras comunidades así o pretenderon. Na Galiza foi a CIG quen fixo causa disto, agora ben, aquí toda a progresía se lanzou ao seu pescozo por sacar este tema. Véxase o que dicía CCOO e UGT entón calificando de demagóxica a proposta da CIG. Noutros lugares do Estado -segundo lle conviña- dicían todo o contrario. O caso é que en período electoral todos se presentan como laicos, iso si, cando veu o Papa só a CIG se atreveu a denunciar o despilfarro de cartos públicos nunha viaxe pastoral. Laicos na intimidade, confesionais a hora da verdade: O PSOE chegou a mandar cartas aos centros públicos de Santiago para que levasen os nenos a ese acto de adoutrinamento relixioso. Mais non son concesións, senón conviccións. Basta as veces estas pequenas cousas para desenmascarar o seu auténtico ideario. Por exemplo, cando chegaron os contidos mínimos de 2º de bacharelato de Filosofía facíase referencia aos filósofos "Agustín de Hipona" e "Tomás de Aquino". Aquí a Conselleira do PSOE lle engadiu a calidade de santos, "Santo Agostiño" e "Santo Tomé" . Cando a CIG presentou unha emenda para que non se naturalizase unha denominación parcial e confesional, a resposta aí está no currículo: debemos dar pos suposto a súa divindade.

Comprobamos que a dobre moral non é exclusiva da dereita española. Aínda que é certo que neles é máis descarada: Basean a súa campaña na autoridade do profesor e a hora da verdade aplauden o deterioro das súas condicións laborais  (recortes salariais, eliminación da xubilación anticipada) e a redución drástica de orzamentos para o ensino, o cal impide facer mais doado o seu labor con medidas efectivas como a limitación de rateos, máis profesorado e profesionais de apoio, e mellores e gratuítos recursos didácticos.

Non debemos negar que se conseguiron avances importantes nalgunhas cuestións nestes anos. Sobre todo en Infantil e Primaria. Mais lembremos quen loitou por iso, pois nada é gratuíto, e quen en cambio apoiou os retrocesos -que tamén os houbo- e que semellan irreversibles, como foi a eliminación da xornada reducida de xuño e setembro. Parécenos impresentable sindicalmente ligar esa traizón ao profesorado con outras melloras que nada teñen que ver con esta renuncia senón que son compromisos previos alcanzados pola loita sindical anterior. Por exemplo: os cadros de persoal. Proba disto é que algún dos que asinou a liquidación da xornada, non asinou a consecución de ditos catálogos, a pesar das melloras evidentes que supuxeron ao reducir o horario do profesorado e aumentar as ofertas públicas de emprego. O certo é que logo do éxito da folga convocada en solitario pola CIG, a pesares de que ANPE, STEG, CCOO e UGT desconvocaron a véspera, sabemos que a Consellaría estaba disposta de recuar neste tema, pero estaban "pillados" polos sindicatos que aceptaron esta medida regresiva pois non querían que se lle dera este "trunfo" á CIG aínda que isto significara un beneficio ao conxunto do profesorado, antepoñendo así intereses partidistas aos do colectivo que din defender.

Con todo, o que resulta máis escandaloso é o discurso dos sindicatos corporativos (ANPE, STEG e CSIF), sobre todo neste momento de desmantelamento do sector público. Tiveron un papel esperpéntico nas folgas xerais e son a escusa perfecta para que a sociedade odie aos funcionarios ao proxectar esa imaxe gremial. Esa animadversión é un dos obxectivos da campaña de desprestixio do poder para lexitimar a liquidación do sector público. Ningún servizo se creou para satisfacer  demandas dos seus empregados. Por iso, esa concepción egoísta e insolidaria é ademais suicida neste momento no que o capital vén polas conquistas sociais logradas historicamente polo momento obreiro. A súa concepción de "casta" fronte as organizacións de "clase" está no fondo dos seus comportamentos antisindicais, facéndose eco de toda a bazofia de mentiras lanzadas polo poder nos últimos tempos para destruír ás organizacións dos traballadores (os liberados, a formación, o financiamento, e demais mentiras habituais). Son a quinta columna incrustada nas filas dos funcionarios para disparar polas costas contra a vangarda que nestes momentos enfronta este ataque desapiadado contra os servizos públicos: Os sindicalismo de clase.

E por último, como acontece sempre en período electoral, todos visten o traxe rexional para presentarse pomposamente como galegos, como "sindicato nacional da Galiza". Estamos nun momento que a nosa identidade, lingua e cultura está sufrindo unha das agresións máis duras en tempos, que -por certo- non é allea ao conxunto da ofensiva neoliberal e globalizadora. Sabemos que a única organización galega que se presenta a estas eleccións é a CIG. Con todos os defectos e eivas que poidamos pór: isto é o que hai. Haberá quen pretenda estafar ao profesorado con toda clase de enganos sobre o asemblearios, autónomos, soberanos... que son, o independentes e mesmo independentistas, mais a verdade é que non son unha organización galega. Baixo atractivos envoltorios, son o rancio centralismo de sempre alimentado polos prexuízos racistas de costume contra a posibilidade dos galegos de valerse por si propios. É difícil aguantar a presión de ser galegos nestes tempos. Sabemos de desercións. Mais tamén é unha ocasión para que un pobo manifeste a súa dignidade, sobre todo, un colectivo deste pobo que debe predicar co exemplo, pois o seu cometido é educar aos demais.

Está na man do profesorado, co seu voto a CIG, expresar a súa conciencia de clase e nacional, e apostar por un bocado de realidade no medio de tanta falsidade. En definitiva, pór os pés na terra e o voto na CIG.


1 2 3 seguinte

[06-12-2010 11:38] Xoán Carlos Garrido Couceiro comentou:

Quizais isto derivou cara o debate sobre o papel dos sindicatos corporativos -que foi motivo doutro artigo e non era o interese deste- mais agardo que co que está pasando co tema dos controladores, e como se retroalimenta as intencións privatizadoras do goberno coa existencia deste tipo de organizacións, queda en evidencia o que xa se prevía no devandito artigo.
Iso é independente de que as persoas que están nese sindicato de controladores, e concretamente quen eu coñezo, merece para min todo o respecto e non dubido do seu compromiso co país ou coa esquerda noutras moitas cuestións. Pero nisto último xa non entro a discutilo, nin creo que sexa cousa de cuestionar aquí, e si houbo compañeiros interpretaron nese sentido, como unha crítica persoal, quizais foi debido a que non me expliquei ben porque tampouco ese era o tema fundamental que ocupaba este texto. So quería aclarar que independentemente das moitas virtudes persoais dos seus membros, o papel obxectivo deste tipo de organizacións é no que é, e que me perdoe quen o tome coma unha crítica persoal.

[01-12-2010 21:09] Carme comentou:

Non comparto o razoamento de Farinós. É mellor sumar a restar, pero cando se suma o traballo dos demais unha e outra vez, a cousa pasa a ser molesta. O último exemplo é o Foro Mundial De Educación, o stes veu a algunha reunión desde Valencia. Os steg non asomoron o fuciño no comité organizador. A CIG incocorporouse no último ano pero dun xeito comprometido e activo. Pois ben, o steg leva no seu programa electoral a súa "presenza" na organización do Foro, así como na última revista que chegou aos centros. Se queres, comproba no programa do foro as actividades de uns e doutros. Son unhos aproveitados. Non falo de persoas concretas, senón da linea sindical, que en definitiva é o que nos importa, non?

[01-12-2010 17:50] Xosé Ramón Farinós López comentou:

Para Suso Bermello de Farinós.
O que ti dis e argumentas, compartoo en grade medida e o que non comparto polo menos fas un intento, no que poderás convencerme ou non. Mais no artigo de Garrido hai un parágrafo a todas luces infumable onde se fala de bazofia castas e mais lindeces, que os que estamos nos centros de traballo e falamos con compañeiros do stga sabemos que non se lles poden aplicar. É mais no fundamental en pouco se diferencian as nosas posicións das do stga, nada que ver con CC.OO ou Ugt por moi sindicato de clase que se digan, e por suposto nas antipodas de Csif e Anpe no que neste artigo se lle equipara.
Eu prefiro sumar que restar, e prefiro a argumentación (como a que ti fas) á simple descualificación (que é o que fai este artigo).
Ademais se o que se trata é de convencer a alguén para que nos vote, este artigo non só non axuda senon que mais ben dificulta. Non sei se me explico
Un saúdo

[01-12-2010 00:39] Suso Bermello comentou:

Para Farinós:
comprendo que as relacións persoais ou profesionais que temos nos centros de traballo poden facer moitas veces desenfocar, ou se o prefire, enfocar dun xeito ben distinto unha mesma realidade.
O que Garrido, ao meu ver, pretende pór en valor, cun estilo que pode non ser do teu gusto, é a tremenda incoherencia de quen fachendea de ser sindicalista e resulta ser gremial ou corporativista ou de quen presume de nacionalista (sic) e está nunha organización española.
O mundo está inzado de comportamentos incoherentes. Se rascamos algo, todos temos algún. Iso non quere dicir que deixemos de apuntar co dedo cando detectemos algún que nos pareza especialmente grave.
Se os nacionalistas acreditamos na autoorganización, debemos apostar por vías estatais?. Se a esquerda se di valedora e portavoz das clases populares, cabe o sindicato de pilotos, de persoal da limpeza ou de mestres?
Con todos os meus respectos para esas persoas coas que compartes proxectos e por suposto para ti, eu creo que non.
É posíbel que se realmente alguén se arreda de un sindicato como a CIG sexa pola claridade coa que expoñemos cuestións básicas coma esta.
Non é sermos mellores ou peores, é sermos nós e defendermos o noso (o país) e os nosos (a clase traballadora).
PS. os órganos de goberno do PSOE ou de CCOO en Galiza cháman se "nacionais" e só no pode producir rubor ese uso perverso da linguaxe. Non son os únicos.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña