15:33 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2010

Asasinados por loitar pola abolición dos foros

88 cabodano dos Mártires de Sobredo

Valorar (9)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


"Campo dos Mártires", na parroquia de Guillarei, no concello de Tui


O próximo domingo 28 de Novembro de 2010, organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais "Rosalía de Castro", o Sindicato Labrego Galego e a Organización Galega de Comunidades de Montes, terá lugar o acto de Homenaxe aos Mártires de Sobredo, no seu 88 Cabodano. Acto que se celebrará no Campo dos Mártires a partir das 11 horas da mañá e que rematará con unha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego.

No acto, réndese homenaxe os labregos Xoaquín Estévez Besada de Soutelo, do concello de Salceda de Caselas; Venancio González Romero de Budiño, tamén do concello de Salceda de Caselas, e da labrega Cándida Rodríguez do concello de Tui, asasinados polas forzas represivas o día 27 de novembro de 1922.

Asasinados por manifestarse en solidariedade con un veciño do lugar, ao que lle ían a embargar as terras, por negarse a pagar o foro, segundo o acordado no Congreso Agrario de Tui, celebrado no mes de Xullo do ano 1922. Asasinados por loitar pola abolición dos foros, que viñan sendo uns contratos de corte escravista, mediante o cal, a sociedade labrega, tiña que entregarlle aos que se consideraban donos das terras (os fidalgos e a igrexa), parte da súa colleita. Uns contratos que mantiñan a sociedade labrega en réxime de subsistencia.

A loita pola abolición dos foros foi tamén, xa que logo, unha loita pola defensa da terra, pola dignidade humana, polo logro de acadar un medio rural multifuncional e sustentable. É dicir, un medio rural vivo, con poboación espallada pola xeografía, desenvolvendo diversas actividades. A mesma loita que temos que manter hoxe para facerlle fronte ás compañías transnacionais que pretenden instalarse onde máis barato produzan, sen ter en conta as esixencias medio-ambientais, nin os dereitos sociais e laborais.

Van aló oitenta e oito anos dos asasinatos dos Mártires de Sobredo, mais a loita, pola que morreron, segue en pé, segue vixente. É certo que os
foros foron abolidos (previo pago dunha indemnización) no ano 1926; mais o medio rural segue tendo novos foros, aínda que non se chamen foros. Novos foros que se viron incrementados co chegada, de novo, ao poder do Partido Popular.

Ou é que non son foros, novos foros, que aos montes veciñais en man común se lles despoxe de todo tipo de proteción, que no aproveitamento da enerxía eólica se lles saque toda capacidade de decisión aos titulares das terras ou que tenten de privatizar os montes veciñais en man común, para sacarllos das mans dos veciños e veciñas comuneiros e entregarllos ao capital? Ou é que non son foros, novos foros, que nas Directrices de Ordenación do Territorio, o rural sexa destinado para actividades turísticas e de lecer para desfrute das élites da sociedade, ou que a Política Agraria Común, apoie as grandes explotacións agrogandeiras e poña atrancos ao desenvolvemento da agricultura familiar?

Se cadra, non se lles pode chamar foros. Mais chámese capitalismo salvaxe, neoliberalismo, pensamento único, privilexios para os intereses económicos, especulativos e urbanísticos. É dicir, foros da modernidade.

No 85 cabonado dos Mártires de Sobredo, o orador, o profesor de historia, o Sr. Lourenzo Prieto, deixou unha frase no Campo dos Mártires que non debemos esquecer. A frase dicía "Cando vaiades a Santiago de Compostela e miredes a catedral, pensade que foi feita co traballo e co esforzo, arrincado, da poboación do medio rural en xeral e da sociedade labrega en particular". Esta frase, ten que ser un argumento máis, que nos faga ir cada ano ao Campo dos Mártires, na parroquia de Guillarei, no concello de Tui.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña