20:50 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-11-2010

Asasinato no Consello Nacional. Licenza para difamar?

Recensión

Valorar (77)

ROBERT NEAL BAXTER



Acabo de terminar de ler Asasinato no Concello Nacional de Diego Ameixeiras (Xerais, 2010). Teño que dicir que deixou na miña boca un sabor non tan disimilar a aquel que me deixara no seu día a lectura d'O Código Da Vinci de Dan Brown. Non se confundan, non pretende ser un eloxio: a sensación que fica é a de ter perdido o meu tempo.

A normalización do galego pasa, inexorabelmente, por que haxa a mesma diversidade de produción que noutras linguas. Niso, xustamente, consiste o concepto de 'normalidade': ten que haber de todo e para todos os gustos, desde a máis alta literatura, pasando por ensaios, etc. até literatura 'popular' que destaca máis pola súa capacidade de entreter do que polo seu estilo ou calidade lingüística intrínseca (outra característica que Ameixeiras ten en común con Dan Brown).

Esta novela áchase nesta última categoría, como indica, por exemplo, o desleixo desconcertante na colocación correcta do pronome, como tamén brilla pola súa ausencia o trazo distintivo do galego-portugués, o infinitivo flexionado.

Mais sexa como for, repito, cumpre unha función dentro do marco da normalización da lingua galega que non se forma só por un canon de literatura culta (aínda que iso non sexa razón suficiente, ao meu ver, para non coidar estruturas básicas da lingua...)

Non é, pois, na miña opinión, nin a súa calidade e estilo, nin o xénero literario ao que pertence o problema fundamental neste caso. Por un lado. Un dos elementos que me amola é o tirón comercial que se logra ao aproveitar o valor do 'morbo' dos militantes e outra xente afín ao BNG ao lles ofrecer ficción (ou, se se prefire, 'mentiras') sobre a vida de destacados persoeiros da Fronte. Neste particular, polo menos, coincido con Alberto Ramos  para quen o morbo é un valor positivo (iso eu si que non o teño tan claro): "O motivo é, simplemente, o morbo de ver os beiras, os quintanas e os pacos rodríguez no escenario dun crime.".

É un pouco como os comentarios (négome a chamalos 'artigos xornalísticos) de Xavier Navaza na prensa 'galega' (?) que só podían interesar a militantes do BNG e que, para a xente allea ou próxima -digamos, posíbeis votantes-, tenta reforzar os estereotipos negativos creados e proxectados polos medios de comunicación dun BNG dividido, liderados polos 'coroneis' e 'norcoreanos' (sic.) da UPG.

Mais aínda así, recoñezo que son tempos difíciles para a edición en lingua galega e ao mellor hai que procurar lector@s onde @s houber para se manter a flote. E, de feito, seica lles saíu moi ben a xogada en termos de vendas, pois disque nalgunha libraría de Compostela tiveron que adiar a presentación do libro ao ficaren case sen exemplares tras esgotarse a primeira edición en poucos días.

Mais sobre todo, o que realmente me molesta é a difusa intersección que separa a verdade da mentira ('ficción'), de tal xeito que se corre o risco de se confundiren. Por colocarmos un outro exemplo: se é, como pretende o seu propio autor, difícil diferenciar con claridade entre a realidade e a ficción nunha obra autobiográfica como a de Sánchez Dragó, canto máis difícil ha de ser no caso dunha novela?

Por unha banda, oféndeme profundamente a máis que dubidosa ética de calumniar, en nome da ficción, persoas reais, amigos meus e amigas miñas que levan traballando arreo desde hai moitos anos para levantaren este noso país, sabendo que, aínda sendo ficción, de seren identificábeis os personaxes con persoais reais @s lector@s inadvertid@s non serán necesariamente quen de distinguiren a realidade da ficción. A este respecto, o título da entrevista co autor no xornal El País é revelador: "Ficción verdadeira [...] Ameixeiras fabula un crime vencellado ás leas nacionalistas".

Mais para alén de consideracións de orde persoal -que non son, nin moito menos, triviais- esta confluencia borrosa entre a realidade e a ficción faise extensíbel á imaxe que se dá do funcionamento interno do BNG. Por exemplo, Filipe Diez recalca -de xeito nin tan inxenuo, nin tan desinteresado- que:  "A pesar dos desequilibrios xa anotados, o retrato colectivo do BNG non só é verosímil, senón que ademais reflecte (sic.) sen grandes distorsións a realidade actualísima da organización. Os detractores da transparencia teñen un motivo máis para a irritación [...] A novelación da vida interna do BNG é un f(e)ito que indica [...] a obsolescencia de prácticas verticalistas e escurantistas que baten de fronte cos valores da sociedade contemporánea" .

Nótese como se pretende utilizar a ambigüidade entre a realidade e a ficción dunha novela negra para sustentar os seus propios postulados políticos, ao tentar facer crer que a ficción é un fiel retrato da realidade.

No entanto, esta visión dista moito de coincidir coa confesión do propio autor do libro cando di na mesma entrevista para El País que: "Hai crítica interna, pero nada que calquera lector informado non poida saber previamente polos medios de comunicación.".

Iso é, nunha palabra, a base sobre a que repousa grande parte do libro: a (des)información interesada e estereotipada do BNG que vomita a prensa españolista no seu afán de propaganda antinacionalista. Noutras palabras: o libro faise correa de transmisión desta mesma imaxe distorsionada que nada ten a ver co funcionamento interno da Fronte (co que recoñece o autor non estar familiarizado), que, á súa vez, aproveitan certos individuos para sacaren os supostos trapos sucios no seu afán dun protagonismo que doutro xeito non lles correspondería por mérito propio.

Dentro deste marco, acho que non é nada casual nin insignificante o facto de a UPG figurar como protagonista colectivo principal dunha trama que se basea nunha visión retorcida do BNG.


1 2 seguinte

[01-12-2010 21:59] Antonio das Mortes comentou:

O mundo ao revés: o importante é que falen dun... aínda que sea ben!!!!

[01-12-2010 11:08] Stalis comentou:

Non a lin ainda, pero fareino. A priori e polo que coñezo hai que tomar a cousa con mais humor, como Ana Pontón e Carme Adán que se chantaron na presentación e quedaron como unhas campionas diante de moito carroñeiro, calaronlles a boca, tanto que Dolores Vilavedra non falou do \"avatar\" de Ana. A ver se os machiños aprenden: iso é dignidade, valentia e elegancia.

[01-12-2010 10:38] Diego comentou:

a UPG son malos, teñen armas agochadas no canón do Sil, comen nenos e matan gatos.... se dixeran isto nos xornais este artista o poñería no seu libro. non parece que teña moito rigor e será un libro que lean catro interesados na difamación e na cizaña e ninguén máis.

[30-11-2010 15:31] Xabier comentou:

LOL LOL LOL LOL

Estades fatal :D :D

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña