Unha expresión recorrente en case todas as reunións informativas que está a celebrar o BNG da Estrada sobre as repercusións da Lei de Augas, é que esta Lei "Vén de alá!", é dicir, vén de Europa.
Sen entrar a valorar se a adaptación galega da directiva Marco da Auga que se deu en chamar Lei de Augas, é boa ou non, cousa que xa fixemos no anterior artigo, o que si chama poderosamente a atención é a resignación, e mesmo diría, compracencia con que se asume todo o que veña de Europa, sexa bo ou malo, e semella que todo o que veña de Europa é un sacrificio que hai que pagar para sermos modernos.
Desde a entrada do Estado Español na Unión Europea son moitas as peaxes que tivo que pagar Galiza. Aínda que resulte recorrente non é menos certo que o sector gandeiro foi o sector máis perxudicado na negociación do Estado Español para entrar non daquela Mercado Común. O seguinte na lista foi o sector naval, e vimos como o sector industrial galego quedaba reducido á mínima expresión sendo como era punteiro tecnoloxicamente, dando traballo a milleiros de galegos e galegas. Pero tamén poderíamos falar da pesca, outro sector básico na economía galega, que tamén sufriu para adaptarse ás esixencias da UE.
En definitiva que para sermos modernos o groso da economía galega tivo -e ten- que adaptarse ao corsé das esixencias de Europa, que nos quere converter en meros consumidores de produtos que veñen de fóra, do centro da UE, nomeadamente. Así mentres uns son exportadores a outros tocounos comprar fóra o que perfectamente podemos producir na Galiza, xerando un desequilibrio comercial dificilmente soportábel, como se está comprobando.
Os partidos maioritarios do Estado, -tan patriotas eles-, non tiveron reparo algún en renunciar, de prescindir, da soberanía estatal con tal de formar parte de tan selecto clube, unha decisión suicida, que deixa ao Estado sen ferramentas coas que loitar contra a crise económica, deixando o noso futuro colectivo en mans dun poder, non só antidemocrático, senón corrupto, que só mira polos seus intereses.
Non hai máis que comprobar quen son os posuidores da débeda soberana do Estado Español para decatármonos de quen mandan na UE (Francia, Alemaña, Holanda...), en quen son os máis beneficiados; quen son os que venden; os que exportan; e quen os que compran.
Pero a UE non só apreta, senón tamén afoga. Nos últimos anos vimos como desde o centro do sistema se nos veñen ditando reformas de todo tipo. A reforma laboral hai uns meses e proximamente tocaralle ás pensións. Un comportamento irrracional por parte dun sistema económico, o capitalista, que nos leva camiño do abismo.
Como dixen anteriormente Galiza está a pagar unhas peaxes moi custosas que non tiveron nin teñen contrapartidas positivas de ningún tipo.
Para os próximos meses albíscanse momentos moi duros polo recrudecemento da crise económica, que traerá aparellado unhas reformas económicas impostas polo núcleo duro da Unión Europea, que afondarán aínda máis a crise que estamos a padecer, deteriorando aínda máis o noso feble estado do benestar. Para daquela, seguiremos dicindo resignadamente que "ven de alá" ou reaxiremos con todas as consecuencias que iso pode ter?
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.