16:48 Mércores, 13 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-03-2010

Ou de como gobernar na deixadez

O goberno dos ausentes

Valorar (7)

PABLO CARRACEDO GOLDAR


Modelo de cuestionario presentado pola Xunta sobre o idioma a elixir no ensino


Esta semana fomos testemuñas dun novo episodio do goberno da ausencia. Ausencia nos feitos, deixadez de responsabilidades.

A Consellería de Educación podería ser bautizada baixo esta epígrafe, mais eu engadirei un máis: O gobeno dos necios.

No último episodio do "isto non vai comigo" vemos como trasladan aos equipos directivos a potestade de suspender as clases (ou non) no caso de condicións meteorolóxicas adversas.

Mais que conleva isto?

En primeiro lugar, irresponsabilidade de quen debe exercer o seu traballo de xeito institucional, é dicir, exercendo a maior das responsabilidades. Mais tamén conleva dúbidas sobre a cobertura legal no caso dunha incidencia desafortunada ou dunha decisión mal tomada. En resumidas contas: que doado é cargarlle o morto a outro!

Estamos cansos dunha Consellaría que leva por bandeira o conflito e a ausencia na acción de goberno. No mellor dos casos a deixadez é a súa actitude; no peor, vemos unha obsesión continua por rematar coa galeguidade do ensino público e con este mesmo carácter público. Unha Consellaría que comezou atacando o noso idioma, reducindo persoal e presupostos, para rematar "re-matando" coa función docente e co respecto á nosa profesión.

Na CRTVG, novo NODO autonómico, fomos e somos testemuña viva de ataques á nosa profesión. Sofrímolo na enquisa fraudulenta do galego e sofrímolo na folga en contra do decretazo. É a primeira Consellaría da historia que nos enfronta ás familias e á sociedade.

Entrando en profundidade e facendo unha reflexión que arrinque a primeira capa, véselle rapidamente a cor ao animal. No fondo hai unha cuestión ideolóxica, sendo isto o perigoso ou peliagudo da cuestión.

Hai ganas de que todo saia mal, intención en que todo vaia mal, pero só nun dos ensinos, o que está na primeira liña mediática, o que é de todos: o público. Están a crear unha visión da profesión de comodidade e disconformidade, falta de profesionalidade ou incluso vocación (no termo Rosa Díez da palabra). Están asociando ensino público á  palabra problema. E isto loxicamente ten un obxectivo: a destrución premeditada do ensino público para maior desenvolvemento e renda do ensino privado.

Compañeiras e compañeiros, mentres sufrimos o goberno da ausencia vemos como esta ausencia fagocita a existencia dun dos nosos bens sociais máis prezados.

Esteamos atentos, porque os que gobernan na ausencia xogan ao despiste.


[02-03-2010 ] Diego comentou:

Xogan ao despiste pero cun obxectivo claro: Todo o que cheire a galego sobra, e se é a nacinalista nin te conto...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña