19:47 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2010

Faltariamos a verdade se negásemos que nos Comités se debateu sempre con moita paixón pero tamén con moitas razóns

Os Comités ou cando 25 anos son moito

Valorar (83)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Xa sei que os CAF teñen máis de 25 anos, que o seu nacemento é polo tanto anterior e non ten que ver co primeiro proceso electoral que vive a Universidade Galega desde a II República, que a súa grande fortaleza foi/é sumar sensibilidades distintas arredor dun programa de defensa dos estudantes, que tras esta andaina hai moito esforzo e ilusión de diversas xeracións de galegos e galegas e que o seu evoluir está cheo de emendas, transaccións e erros. Pero aínda así máis de 25 anos son moito se miramos ao noso arredor e observamos como aquela constelación de siglas coas que lle tocou convivir aos Comités non pasan da anécdota na hemeroteca ou da recreación mítica das que neles participaron, se atendemos a propia realidade do movemento estudantil no Estado e na propia Europa, ou se valoramos na súa xusta medida as dificultades obxectivas que existiron/existen para participar e organizar nunha asociación como esta. Non calquera tempo pasado foi mellor, todos os tempos pasados foron iguais de difíciles, e aínda así os Comités permanecen, avanzan con todas as súas contradicións, espíritos que é cousa de mortos, aparte, e seguen a dia de hoxe a ser útiles a miles de universitarios galegos que os seguen a referendar como primeira forza electoral nos comicios que se dan nas universidades  ou a a participar  dos seus actos e mobilizacións.

Son moitas e diversas as razóns que temos os nacionalistas para sentírmonos orgullosos dos CAF e tamén para explicar os aniversarios cumpridos e os que fican por celebrar. Isto é o fenómeno/fenomenal dos Comités está moi vinculado ao seu carácter apartidario e independente, a vontade de unidade na pluralidade, a defensa insubornábel do estudantado e a clareza do seu modelo para o sistema universitario galego.

Nunca os Comités admitiron tutelas. Sendo moitas as persoas que compatibilizamos militancia en forzas políticas e na organización estudantil, sempre se tivo claro o papel dunhas e doutras, centrándose esta nas reivindicación concretas de corte académico, alén de que se tivese moi claro que o noso modelo de universidade implicaba cambios fondos na sociedade ou que participásemos do conxunto das loitas que viviu Galiza. Nunca se lle tivo medo á política, é máis desde sempre estiveron situados nunha coordenadas ideolóxicas no campo do nacionalismo e a esquerda, máis ou menos difusas pero a cada paso  máis clarificadas, nun proceso non exento de contradicións, onde houbo que fixar  a nosa oposición a Europa de Mastritch ou a CIG como referente sindical na contra de CC.OO, para rematar xa mediados os noventa como organización dos estudantes  nacionalistas. Isto é, nin os Comités foron/son transmisores das directrices das forzas partidarias que operaban no seu interior, nin estas organizacións foron correas que aprisionaron á entidade estudantil, uns e outras dábanse folgos en base a un común denominador que eran as propostas que decidíamos en comités, consellos ou asembleas.

A diferencia doutras organizacións os CAF nunca estiveron vinculados a ningún grupo de presión universitario nin baixo o paraugas dun colectivo  profesoral. É precisamente isto o que explica que non correra a sorte de moitos competidores, formados para concorrer  nun proceso electoral para defender os intereses do  departamento ou o decanato de torno, e permanecera no tempo e gañara credibilidade entre os estudantes. Sempre fomos celosos da nosa independencia, até o punto de que os acontecementos máis tráxicos que lle tocou de vivir, a súa escisión no Campus de Compostela no curso 95/96 ,están directamente vinculados ao intento por parte dun grupo de persoas de poñer a organización estudantil ao servizo do reitorado de Villares primeiro e posteriormente da plataforma de profesores na que se apoiaba. Non foi esta a primeira nin a última ocasión na que se pretendeu instrumentalizar aos Comités desde o profesorado até o punto de que as presións deste corpo, foron historicamente o principal instrumento de desestabilización da organización. A universidade é unha institución profundamente caciquil  e vertical onde entre os docentes, de xeito maioritario, priman os intereses corporativos, aparecendo só a faciana ideolóxica nas contadas ocasións nas que se precisa o voto do alumnado ou do PAS.

Faltariamos a verdade se negásemos que nos Comités se debateu sempre con moita paixón pero tamén con moitas razóns. Paixón que levou a gastar excesiva artillería argumental, en dimensionar en exceso os problemas ou en situar como a batalla final o que non era outra cousas que quítame unha coma aquí ou ponme un punto aí. Razóns que nos levou a comprender o valor da pluralidade como elemento de unidade, a verificar que no campo universitario non hai espazo para máis dunha organización estudantil nacionalista, a acreditar no axioma leninista de que o concreto une e o abstracto divide, e sobre todo, a acordar, a chegar a acordos, a importancia dos acordos, en definitiva comportarnos coa intelixencia galega de que non hai mellor preito que un mal amaño. Así é todo, se algo foron os CAF foi unha escola de responsabilidade, onde sempre tivemos claro que hai que facilitar a convivencia entre as diferentes posicións existentes no seu interior para cohesionar a organización e para desactivar os enfrontamentos estériles que lle restan eficacia sen que iso supoña renunciar a saudábel confrontación interna de ideas e propostas.

Volver sobre os Comités cando a militancia estudantil fica tan lonxe, non é no meu caso un exercicio memorístico, aínda menos un revival de batalliñas, tampouco unha terapia para medicarme sobre frustracións ou elevar a autoestima, nin por suposto unha conversa con ningunha medium sobre o que se dicía ou o que se quería dicir, sobre o que eramos ou sobre o que pretendíamos que foramos. Achegarme de novo ao movemento estudantil, así sen máis, significa concluír que hoxe como no curso 83/84, é necesario valorar a organización como instrumento para actuar, defender a unidade como suma da pluralidade social, reivindicar o asemblearismo e o debate e afirmar a vontade de construír un movemento estudantil permanente e crítico, sen ataduras partidarias e profesorais, entendido moito máis alá do feito electoral puntual.

[22-11-2010 17:37] Ceive comentou:

Longa vida aos CAF!!!! Polo que foron e polo que de seguro seguirán a ser. Creo que coma mín, moit@ compañeir@s, souberon da importancia do traballo colectivo para conseguer cousas, e na camaradería, no seo da súa organización.

[22-11-2010 13:56] Marcos Pena comentou:

"Sempre fomos celosos da nosa independencia, até o punto de que os acontecementos máis tráxicos que lle tocou de vivir, a súa escisión no Campus de Compostela no curso 95/96 ,están directamente vinculados ao intento por parte dun grupo de persoas de poñer a organización estudantil ao servizo do reitorado de Villares primeiro e posteriormente da plataforma de profesores na que se apoiaba. Non foi esta a primeira nin a última ocasión na que se pretendeu instrumentalizar aos Comités desde o profesorado até o punto de que as presións deste corpo, foron historicamente o principal instrumento de desestabilización da organización."
Quedome con este paragrafo do artigo de Ermida porque eu que non vivín aquel momento atopo por primeira vez unha explicación das causas que provocaron a ruptura dos Comités e o nacemento de MEU.

[22-11-2010 11:37] xatam comentou:

Moi bo artigo Ermida. Efectivamente, os CAF foram para muit@s de nos umha auténtica "escola" e mais ainda, a primeira porta ao nacionalismo para centos de moç@s n@s que o passo polos CAF deixou um pouso que fai que 15 ou 20 anos depois, ainda nom tendo umha militáncia efectiva no nacionalismo, segam a participar das organizaçons sociais, plataformas, ... das que nos seguemos a dotar para artelhar a nossa sociedade. E isso que mesmo nos tocou lidiar com aquela escissom de nome tam "possesivo" e conjugado em primeira pessoa do singular (nom podia ser doutra maneira), que alguns ainda a dia de hoje pretendem reviver (parez que nom aprenderom nada). Mas já se sabe que quando se tenta reviver um morto, o resultado é um "zombi"... longa vida aos Comités.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña