01:18 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-11-2010

As cifras de Feixóo nun ano e medio claman ao ceo

Empezaron!

Valorar (14)

MARTIÑO SANTOS CANOSA




Empezamos. Con este lema, e cunha campaña electoral inzada de técnicas de publicidade negativa difamatoria que a converteron na máis suxa das que vivimos neste país, o Partido Popular volveu a gobernar a Xunta de Galiza. Tamén o lema pretendía desvincular ao exconselleiro e exvicepresidente de Fraga, o Sr. Feixóo, dunha etapa de goberno de 16 anos que galegos e galegas quixeron dar por rematada en 2005.

A esta altura, gran parte da sociedade cuestiona a cacarexada eficacia do PP para xestionar a economía, e pregúntase que fixo a Xunta en ano e medio, que proxectos destacan na xestión presidida por Feixóo. Hai motivos sobrados para descoñecer as realizacións da Xunta. Pero empezar, empezaron.

Empezamos. Se analisamos os orzamentos da Xunta do PP vemos unha caída nun 15,7 por cento dos fondos relacionados coa Promoción do Emprego e dun estarrecedor 35,7 nas partidas dirixidas a investimentos de carácter produtivo. Caen nun 20 por cento as partidas relativas á investigación, desenvolvemento e innovación. Os datos son demoledores. Se vemos os orzamentos dedicados a promover os sectores produtivos, as tesouras lévanse por diante o 21,2 por cento das partidas para o sector agrario; o 25,3 para a pesca; o 40,5 para a industria, enerxía e minería; o 40 para o desenvolvemento empresarial, o 40,4 para o comercio; e o 33 por cento para o turismo.

A situación é tamén má no que ten a ver cos servizos públicos: redución do 5,9 por cento no gasto sanitario, 6,9 por cento no educativo e 20 por cento no gasto noutros servizos sociais e comunitarios.

Este descenso págano, en forma de deterioro na calidade asistencial, sobre todo as clases populares, ou sexa, a maioría social deste País. As políticas do PP para Galiza resúmense en privatización dos servizos públicos, mala xestión, dispendio e desamparo dos sectores produtivos. As consecuencias están á vista: máis paro, máis emigración, peores servizos públicos, máis desigualdades sociais.

Máis paro: desde que goberna Feixóo, en Galiza hai 40.000 parados máis. Peores servizos públicos: desde que goberna Feixóo, Galiza destina 221 millóns de euros menos á sanidade pública. Dispendio: os orzamentos de Feixóo baixan moito máis os investimentos (35,7 por cento) que o gasto corrente (3,8). Desigualdades sociais: medraron co PP no poder en Galiza. O 1 por cento dos galegos acapara o 30 por cento do PIB, mentres o 63 por cento dos asalariados deste País non son nin mil euristas. Desamparo dos sectores produtivos: desde que goberna o PP, fecharon en Galiza entre 1.400 e 1.600 explotacións lácteas. O prezo do leite págaselle aos gandeiros galegos a 29 céntimos, 3 céntimos menos do que se pagaba cando era o BNG quen dirixía Medio Rural desde a Xunta de Galiza.

Quen casa con Zapatero?

Os orzamentos e as políticas económicas da Xunta responden ao mesmo ditado neoliberal que inspira a Zapatero (ou a Rubalcaba, ou a quen sexa!). Pois son PP e PSOE quen teñen coincidido no básico da política económica desde que estourou a crise. Teatro aparte.

En 2008 pactaron o rescate da banca no Congreso creando un fondo de 30.000 millóns de euros para salvar os bancos da crise que eles mesmos criaron, sen pedirlles ningunha contrapartida a cambio, sen preocuparse de que utilizasen eses fundos para dotar de crédito a particulares e ao tecido produtivo.

Coincidiron tamén en apadriñar o mesmo modelo centralizador e privatizador para as caixas de aforros. Xuntos votaron a creación do FROB en 2009 e xuntos pactaron en 2010 a reforma da LORCA, que claramente se dirixe a bancarizar as caixas de aforro. En Galiza votaron conxuntamente o protocolo da fusión galega que blinda os privilexios dos directivos e abre o camiño para a privatización da entidade resultante da fusión.

Están tamén de acordo en manter un sistema fiscal regresivo e no fondo -pese a discrepancias oportunistas expresadas polo PP- mantiveron unha clara liña de consenso sobre a necesidade de abaratar o despedimento. A reforma laboral do PSOE "quédase corta" en palabras do PP.

Estes son os datos do PP en Galiza. Esta é a obra de Feixóo. Non é raro que o Papa percorrese estresado as rúas compostelás, acusando xa o peso que lle deitan sobre o lombo a el e ao Apóstolo Santiago. A cifras de Feixóo nun ano e medio claman ao ceo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña