02:39 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2010

Os "pesebreiros" aumentan considerabelmente nesta sociedade individualista onde o social e o colectivo non importan

Pesebreiros

Valorar (12)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ



Que cómodo! O invento é perfecto, despois da domesticación o pesebre é un "trebello" ideal para ter controlados os bichos, teñen que ir comer alí, a aquela esquina da corte, e cada animal polo seu furado, sen molestarse entre eles nin ao dono da cabana, e ademais darlle a comida que queres e cando queres, e sempre veñen. O invento tamén funciona para as explotacións libres, xa o vin, de pau ou metal, colócanse nos prados, o fin é o mesmo, botarlle a comida e todas as reses van alí, cunha vantaxe, nunca che morden a man.

O pesebre foi un gran invento para os animais domésticos, pero o ser humano viu que esto podíalle ser aplicado a sociedade. Hai xa máis de 2.000 anos en Palestina un grupo de xente crucificou a Xesús, un rapaz que naceu nun pesebre, co tempo montouse unha das relixións  máis importante do mundo, e con moito poder.  Poder, palabra que tanto lle gusta á dereita, pero para exercelo hai que domar, aínda que o domador sabe que ten que haber unha "compensación" dar algo de comer, eso si cando o domador diga e a cantidade que el considere, e para que non lle mordan a man  non hai mellor cousa que botar a comida no pesebre.

Hoxe en día os comensais do pesebre que eu denomino como pesebreiros aumentan considerabelmente nesta sociedade individualista onde o social e o colectivo non importan, a primeira persoa do singular impera por riba de todo (sálvese quen poida).

Hai anos, alá polos 90, no agro Galego deuse un debate promovido polo poder: os grandes contra os pequenos. O problema da discusión era a definición, ren sabía quen era o grande nin o pequeno, pero valía para rachar coa unidade da defensa do noso agro fronte as agresións do capital marcado polas políticas da Unión Europea.

Nestes intres e cunha crise económica que nos está privando entre outras cousas dos dereitos acadados ao longo de moitos anos, está a crise ideolóxica, a poboación ao non ter referentes ideolóxicos sigue os ditames do pensamento único. Todos ao pesebre, e eu pregúntome: hai sitio para todos/as? está claro que non, o domador non vai a construír un pesebre onde collan todos, moito gasto, polo tanto que coman os mellor colocados, o resto xa irá indo...

No agro existe un debate sobre as organización sociais, pregúntase a xente, onde están? Dado que si antes estábamos mal, agora é peor, o leite cuns prezos á baixa, que si os comparamos cos nosos veciños, son peores, é máis, temos prezos mais baixos que na Francia, por primeira vez na historia, mesmo os datos do CES (Consello Económico e Social) na Galiza di que se perderon 200 millóns de euros por culpa da baixada dos prezos, o cal repercute directamente non solo na economía dos/as  gandeiros/as senón tamén na economía do país, pero o goberno galego non actúa, non busca as medidas para parar isto, onde está o contrato homologado que garanta un prezo? Un mínimo imprescindible para garantir o futuro económico das explotacións.

Na lexislatura pasada, cando gobernaba o nacionalismo, houbo un boicot aos contratos, uns dicían que tiñan que ser estatais e outros dicían que o prezo base tiña que ser 2 cts máis e houbo "movidas" para definir un contrato, agora que non hai sequera unha proposta  nin se ruxe.

Nestes días, o goberno do PP, acaba de sacar unha lei onde se extingue o servicio público da marcaxe dos becerros, un mecanismo que os nacionalistas puxeron en marcha para axudar aos gandeiros dado que os veterinarios-marcadores controlaban as reses e cubrían os libros onde se asentan os xatos, o mesmo tempo valía para exercer un seguimento e control da calidade da nosa carne, que por certo é apreciada nos mercados tanto internos como externos. Agora este mecanismo vai en vías de desaparecer para ser privatizado, e co tempo, xurdiran os problemas e o desprestixio da calidade acadada, o cal repercutirá nas nosas explotacións en menos ventas e mais crise.

Na comarca da Limia os/as produtores de patacas teñen un problema coa declaración de zona ZEPA (Zona de protección de aves), xa que o decreto feito polo goberno do PP impídelles realizar algúns traballos nas súas leiras, ou facer melloras do regadío. Antes, cando se debatía a zona de declaración da ZEPA pedíase por parte de algún sindicato a rotura do goberno, e cousas así. Agora co Decreto feito non din nada.

Cando o goberno nacionalista estivo na Consellaría de Medio Rural, recoñecéronse aos sindicatos como axentes sociais, tanto ao nivel de interlocutor, como no económico, chegou o PP e voltou a quitarlles eses dereitos sociais e económicos; mediante o sistema económico directo, explico: "rebaixoche a subvención directa que che corresponde por lei e douche cursos e cobras o mesmo". A todo isto, o PP faino ben, sobre todo para os axentes sociais (sindicatos agrarios) dado que UUAA, XXAA, SLG e AGACA teñen asinado un documento público onde recoñecen a labor do Sr Feixóo na política agraria no noso país,... serán pesebreiros?


[19-11-2010 12:58] Lobo comentou:

Estas e outras preguntas haberia que facerllas seguir a os integrantes do SLG e adxuntos, haber que din.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña