14:22 Sabado, 24 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2010

Felipe González é un dos máis teimudos e mediáticos detractores internacionais de Chávez

Felipe González e Venezuela: unha relación baseada no interese

Valorar (23)

XURXO MARTIZ CRESPO


Carlos Andrés Pérez e Felipe González


O PSOE de Felipe González, legalizado no Estado español en decembro de 1976, procurara e tiña avais políticos en Europa (Palme, Brandt, Mitterrand, Nenni) e procurou e tivo avais económicos da socialdemocracia venezolana por medio do partido Acción Democrática e un dos seus membros máis destacados o presidente, 1974-1979 e 1989-1993, Carlos Andrés Pérez .

O primeiro mandato de Carlos Andrés Pérez (CAP) significou un constante ir e vir de Felipe González a Caracas. Nunha desas viaxes Felipe chega a España no avión presidencial[1] venezolano, desde Roma, nunha viaxe oficial de CAP a Europa o 15 de novembro de 1976.  A sede do PSOE en Caracas chegou a ter máis de 2000 afiliados e Carlos Andrés Pérez, unha especie de padriño rico que non tiña que render contas ante o Parlamento[2], tiña a posibilidade de dar un apoio económico que os distintos partidos e gobernos socialistas de Europa non podían dar.

Esta relación entre CAP e Felipe deveu nunha serie de favores mutuos camuflados de relacións bilaterais entre o Estado español e Venezuela unha vez que Felipe accede ao goberno.

A acollida de refuxiados vascos de ETA, deportados desde o Estado francés,  con Miterrand, e desde Alxeria con Felipe cadrou sempre con gobernos de CAP.

CAP tamén tiña os seus padriños financeiros. Un dos principais era Gustavo Cisneros, a quen o goberno socialista adxudica a dedo a expropiada Galerías Preciados de Rumasa por 300 millóns de pesetas e que revende en números vermellos, tres anos despois, por 30.000 millóns de pesetas.  

O cobramento dos "favores" venezolanos a Felipe será retroactivo e chegará até agora. No segundo mandato de CAP, 1989-1993, este pretende poñer como "asesor económico externo", residente en Caracas por temporadas, o mesmo Miguel Boyer, medida rexeitada polos medios políticos venezolanos e que reflicte ben ás claras que as relacións entre o Estado Español e Venezuela durante varias décadas foron na realidade unha relación entre Felipe e CAP.


Aínda que rexeitada a entrada como asesor de Boyer no segundo goberno neoliberal de CAP, Venezuela inicia unha vaga privatizadora na cal terán un posto privilexiado os intereses españois da man de Felipe González.

A liña aérea estatal Viasa[3] será entregada a dedo a Iberia. Os españois afundirán máis a empresa e consolidarán un monopolio aéreo entre Venezuela e o Estado español, tendo a rota aérea máis cara do mundo, a que unía Caracas con Tenerife. A compañía de teléfonos, as eléctricas, os dous principais bancos do país, Venezuela e Provincial, consolidarán a relación especial CAP-Felipe González.

O goberno máis antipopular da democracia venezolana, o segundo de CAP, rematará coa súa destitución e con varios anos de violación sistemática dos dereitos humanos, masacres indiscriminados, inflación, suspensión de garantías constitucionais, desemprego, liberalización dos prezos de todos os produtos básicos e alimentares de primeira necesidade  e a mini devaluación diaria do bolívar.

O intento de golpe de Estado de Chávez contra CAP, en 1992, encontrou en Felipe González un dos máis teimudos e mediáticos detractores internacionais de Chávez.

Un golpe de Estado plutocrático-militar secuestra o presidente Hugo Chávez do 11 ao 13 de abril de 2002. Na illa da Orchila, onde o manteñen secuestrado, está aparcado un avión de Gustavo Cisneros. Chávez responsabiliza a Cisneros e chámalle fascista nun famoso discurso unha vez que retoma o poder.

En 2004 Felipe é contratado por Gustavo Cisneros para servir como intermediador entre el e Chávez. A partir desa data as relacións entre Chávez e Cisneros nunca pasaron por mellor momento, tan bo que a oposición política venezolana na actualidade considera a canle de Cisneros, Venevisión, unha televisión chavista. 


[1] O xornalista galego do xornal caraqueño El Nacional, Manolo Ponte "Duende", que cubría a viaxe oficial do presidente venezuelano a Europa, contoume da entrada irregular por Barajas, no avión presidencial venezuelano, do "ilegal" Felipe González e de como o presidente venezuelano chanceara co rei dos españois sobre o "paquete" que trouxera de Italia no avión.

[2] A Constitución venezuelana de 1961, anterior á Constitución bolivariana de 2000, permitiu que todos os gobernos desde 1961 até 1999 gobernasen coas garantías económicas suspendidas e que a política económica se fixese por medio de decretos-lei presidenciais sen control do Parlamento. 

[3] Viasa, Venezolana Internacional de Aviación S.A. Nengún dos seus traballadores cobrou o seu finiquito de Iberia, a excepción do homónimo Teodoro Petkoff, fillo do ex -ministro de Planificación do nefasto goberno do presidente Rafael Caldera, o hoxe opositor a Chávez, Teodoro Petkoff.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña