15:38 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-11-2010

Rubalcaba xustifica o seu inmobilismo dicindo que os pasos dados pola esquerda abertzale son insuficientes

As redadas seguen; a tortura e o tormento tamén

Valorar (16)

RAÚL RÍO DÍAZ



Cada vez con máis frecuencia o Estado bota as redes peláxicas por estas terras veciñas ao Golfo de Bizkaia que arrastran a rapaces e rapazas independentistas até as cámaras do tormento onde firman o que lles manden os seus raptores e que despois de cinco días valerá para xustificar diante dun xuíz o dereito a habitar unha cadea durante varios anos lonxe da súa patria. Se os sionistas asasinan sistematicamente nenos palestinos para que o día de mañá non haxa naquelas terras máis xuventude que a xudía, os españois tentan meter en cintura a xuventude independentista vasca máis concienciada, tentando deixarlle claro que non teñen outra saída que a claudicación das súas ideas ante a violencia sen límites do Estado.

Contan para isto coa inestimable axuda do PNV de Urkullu que xa se decantou definitivamente polo colaboracionismo a cambio das frangullas que lle dean para encher o "Estatuto de Gernika" que firmou xa fai trinta anos e do que agora volve a negociar o seu cumprimento cando o resto dos abertzales xa o considera obsoleto. Así repite dun xeito vergoñento, como un loro adestrado por Rubalcaba, que os pasos dados pola esquerda abertzale son insuficientes, que "cree máis que probable que ETA pretenda continuar a súa actividade", etc. Seguirá nesa liña para xustificar o seu inmobilismo, a súa covardía e a cerrazón oficial, mentres siga en pé a aposta de todos os outros partidos e sindicatos abertzales ou que o Estado entre en razóns verdadeiramente democráticas.

O outro día entraron na cadea 14 rapaces militantes da organización GaztEHerria, que tamén firmou o Acordo de Gernika renunciando a utilización de medios violentos (na que tamén militan rapaces de EA e de outras organizacións abertzales) sen outra acusación que a xenérica e kafkiana de pertencer a SEGI. Como sigan así, detendo por adscrición ideolóxica remataran na cadea todos aqueles que non son socialistas nin peperos ou que non pensan coma eles; os que non comulgan coa imposición e os que non nos sentimos cómodos nesta España borbónica, herdeira e continuadora do franquismo.

A tortura que non cesa

No mes de outono Euskal Herria foi un clamor en contra da tortura que culminou con unha manifestación en contra desta lacra o pasado dia 30 en Donostia convocada por todas as forzas asinantes do Acordo de Gernika e a que acudiron mais de 20.000 persoas. Xa é triste e vergoñento para o Estado que se teña que convocar unha manifestación contra algo tan denigrante que, como podemos ver, compite na súa práctica con Iraq ou Guantánamo. O Estado español asinou todos os tratados contra da tortura, pero segundo Amnistía Internacional, Rights Watch e o Relator da ONU non respecta ningún deles nin pon os medios que estes lle recomendan para erradicala.

En Euskal Herria, durante os últimos cincuenta anos unhas dez mil persoas denunciaron torturas ao seu paso polas diferentes policías a pesar das ameazas de querelarse contra os denunciantes e os avogados que interpoñan as denuncias, o que nos leva a pensar que se trata de algo regular en todos os corpos de seguridade. Senón fora así, preguntábase o secretario xeral de EA, Pello Urízar; ¿Como é posible que unha persoa poida declarar algo que vai agravar a súa situación con longas penas de cadea cando o sistema xurisdicional lle permite gardar silencio e non declarar contra el mesmo? ¿Como puido Ainara Gorostiaga declarar a súa participación no asasinato do concelleiro de Leitza, José Javier Múgica, e confesara a participación de outros tres compañeiros e despois de botar todos eles dous anos na cadea se comprobou que era mentira?

O pasado 28 de outono rematou o xuízo na Audiencia Provincial de Gipuzkoa contra quince gardas civís acusados de torturar a Igor Portu e Mattín Sarasola despois de ser detidos cerca de Arrasate cando baixaban do monte Udalaitz. Despois de detelos, sobre as 10.15 horas leváronos polo monte, por rutas separadas en dous Patrol diferentes. A Igor levárono ate un río onde lle meteron a cabeza na auga varias veces, dándolle golpes e patadas que lle romperon unha costela. Alí os tiveron cerca de dúas horas pero o argumento que utilizaban para negar eses feitos era que, nada máis ser detidos, recibiran ordes do cuartel de Intxaurrondo de envialos alí rapidamente e que así o fixeron nun Megane e nun Clio camuflados. Para xustificar as rodaduras que deixaron polas pistas forestais dixeron que despois seguiran inspeccionando cos catro Patrol polo monte. Din que se colle antes ao mentireiro que ao coxo e a estes mentireiros xogáronlles unha mala pasada os recibos da autopista, nos que consta que os catro Patrol e os dous coches camuflados pasaron todos xuntos pola peaxe as 12.07 horas. Neste caso pode que sexan condenados xa que puido probarse, ademais, pola valentía e profesionalidade dos médicos forenses que os atenderon no hospital de Donostia, desmontando a imposibilidade de que as feridas se produciran polo forcexo ao ser detidos pero noutros casos, e coa lexislación vixente, a tortura é moi difícil de demostrar debido aos cinco días de incomunicación que teñen hábiles para levala a cabo con total impunidade, tal e como denuncian os organismos internacionais.

O máis grave de todo é que dende o principio, e sen investigación ningunha, contaron co apoio do Estado, que incluso chegou a pagar a fianza con fondos públicos e dise que tamén pagou o bufete de avogados. Un deles (Antonio Choclan) cargou contra das formas de impoñer as penas, xa que, segundo el, non se podía probar que axente provocara cada lesión, o que en román paladino ven ser que recoñece os feitos; pero eu aposto algo, dentro das miñas posibilidades económicas que, si son condenados, a curto prazo serán indultados, condecorados e ascendidos.

Debido as declaracións arrancadas por medio de esta práctica ruín Igor e Mattín foron condenados a mais de 300 anos de cadea polo atentado da T-4, condena que agora queda en entredito xa que, de ser condenatoria a sentencia, deberíase repetir ou anular o xuízo.

Ao mesmo tempo celebrouse en Madrid outro xuízo contra cinco policías (catro homes e unha muller) por presuntas torturas a Maite Orue e o Tribunal Constitucional ordenou a un xuíz valenciano volver a investigar a denuncia de malos tratos presentada en febreiro de 2005 por Sara Majarenas por medo a que lles tire das orellas o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos como no caso San Argimiro, o que tamén demostra que esta práctica non se circunscribe soamente a Euskal Herria e que eses desalmados dos que non sabemos que cangrexo monstruoso atenazou a súa infancia, que malleira paterna os xerou covardes nin que tristes submisións os fixeron desapiadados, como ben dicía Mario Benedetti, campan ás súas anchas por toda a pel de touro.

Para maior cinismo e hipocrisía, este Estado, que xa fai moito tempo perdeu o sentido do ridículo, pretende dar leccións de moral e dereitos humanos a países como Cuba ou Venezuela, Será porque prefiren a violencia de México e as "democracias" de Alvaro Uribe ou Alan Garcia, que para iso era amigo de Felipe González.


[16-11-2010 19:53] Roberto López (Cerdido) comentou:

Comparto con Eu.
Un alto cargo do Estado declara publicamente ter recibido (dun funcionario ou outro alto cargo)a proposta de delinquir, o que entendo faino complice dun delicto ao non habelo posto en coñecemento da fiscalia. Grave.
Pero é que ademais declara ter dúbidas de ter feito ben ao non autorizar o asesinato. Eu penso que isto é apoloxía do terrorismo.
Aínda máis, ao terse feito públicas istas declaracións, se as institucións do Estado non actuan de oficio, convirtense tamén en complices.
Non coñezo as posibilidades legais ao respecto, pero se isto queda así, España quedará ante o mundo e a Historia como unha "monarquia platanera".
Con ista talla ética, xa se entende o silencio ante Marrocos.

[16-11-2010 08:11] Eu comentou:

O abraiante é que un señor que foi presidente do goberno afirme nunha entrevista que cando menos lle propoñían execucións extraxudiciais e non pase nada, ninguén abriu ningunha investigación.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña