12:04 Venres, 29 de Maio de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-03-2010

Do que mais orgulloso estaba Espiña foi do seu compromiso coa lingua

A morte dun patriota: Manuel Espiña Gamallo

Valorar (26)

RUBÉN ARAMBURU MOLET


Manuel Espiña Gamallo


Creo que a primeira vez que Detiveron a Manuel Espiña Gamallo foi no aeroporto de Baraxas polos anos 60. A escena é conmovedora: días de vacacións nos que adiñeirados turistas europeos conflúen en Madrid con destino a Ibiza, Marbella, Benidorm...por outro lado centos de emigrantes galegos veñen pasar uns días coas súas familias despois dun duro ano de traballo en Suíza, Francia, Alemaña...Vía libre e toda clase de atención para os turistas e desprezo e esquecemento para os nosos inmigrantes, amoreados nun recuncho, durmindo no chan e xantando o que traían na equipaxe. Ao cura Manuel Espiña se lle removeron as entrañas e improvisando unha tarima con varias maletas chama a rebelión e a subversión a aqueles galegos que "mantiñan o país co seu sacrificio" e eran tratados coma gando en vagóns de mercancía.  Unha década despois o ministro de Franco, Fraga Iribarne, acaba coa emisión da Misa en Galego, radiada desde o Convento das Capuchinas de A Coruña, seguida por moita xente non so pola lingua senón polo ton crítico das homilías de Espiña. Unha delas custoulle unha multa de 200.000 pesetas daquel tempo. Funcionou a solidariedade. Luis Seoane regaloulle a pintura "Cristo obreiro" para que a vendera e puidera pagar a multa, "No Deus que vostede predica, tamén creo eu" díxolle Seoane. Non foi necesario, centos de amigos reuniron os cartos. O "Cristo Obreiro" de Seoane vendeuno hai poucos anos á Fundación Caixa Nova, os cartos foron para outra loita na que tamén andaba Fraga Iribarne: o pelotazo dos terreos de Bemposta en Ourense. Espiña dooulle ao P. Silva o diñeiro do cadro.

O 28 de febreiro, Espiña faleceu en Pontevedra a causa dunha dura enfermidade chamada ELA. A penas un xornal daba conta do seu pasamento na mañá do enterro de quen colaborou durante anos cos "Outeiros de San Xusto"  no diario de maior tirada, Outeiros que emprestaba a outros amigos para que puideran denunciar e berrar contra calquera tipo de inxustiza, Outeiros que deixou de escribir cando desde a dirección do xornal empezaron a chegar "avisos" e recortes nos anos 90.

Do que máis orgulloso estaba Espiña foi do seu compromiso coa lingua e ,dos 32 anos de profesor universitario, desde 1965,  todos impartidos en galego. Débenselle a el as primeiras traducións ao galego dos Evanxeos e do misal e numerosas publicacións en defensa da lingua e da cultura do noso pobo. Contaba con chanza cando o cardeal Suquía lle dixo que si deixaba de escribir "esas cosas"  entraría na terna para bispo auxiliar de Santiago. Espiña contestou que non se vendía por unha mitra. Nos anos setenta presidiu as Xornadas Patrióticas Galegas na Arxentina e no Uruguai  e funda en A Coruña a comunidade de base "Home Novo". Foi membro do Consello de Redacción da revista Encrucillada durante 30 anos, e colaborador de Irimia e das Romaxes de Crentes Galegos. Tíñalle especial querenza a Irmandade Moncho Valcarce da que era vicepresidente, foi un gran amigo e valedor do cura das Encrobas. 

Espiña naceu  o día da Patria de 1933 en Folgoso, Cerdedo, nas mesmas fragas que viron medrar a un neno cun compromiso inesquecibel para o país: o P. Sarmiento.   

Pecho esta crónica apurada, na radio escoito a Núñez Feijoo desde Roma vai visitar ao Papa e insiste en acabar co galego,  e vexo a Espiña subido  nun estrado de maletas de emigrantes galegos, berrando o orgullo de ter unha patria e unha fala: 

"Galicia está viva, nunca estivo morta, anque houbo quen lle cantaron o funeral. O Espírito de Galicia sempre estivo con ela...mais temos que confesar que en Galicia hai moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O mais grande que temos, a nosa lingua, para moitos é como follas secas que se espera que o vento as leve a calquera recanto onde apodrezan...O pecado vén de moito atrás, xa case é pecado orixinal"
(Outeiro de San Xusto, 1970).

anterior 1 2

[03-03-2010 ] manoel bello comentou:

Obrigado Rubén por esta moi boa pincelada sobre a figura do Mestre M. Espiña. Axudounos a moitos e moitas a entender a Galiza e as suas xentes desde ángulos dos que non tiñamos coñecemento. O luns enterramos o seu corpo material. Manuel segue predicando,a Castelao e a Xesús de Nazaret.

[02-03-2010 ] Mª Ángeles Pérez Espiña comentou:

Sentiase orgulloso da súa terra, da súa lingua,da súa bandeira e sobre todo das súas xentes. Para el Galicia eran as xentes que a habitaban, a espiritualidade próxima e fermosa que se enseñoreaba nos pobos galegos. Proclamou sempre con orgullo o ser galego e o ser un home de Deus.Gracias pola túa vida.

[02-03-2010 ] Xosé Muiños González comentou:

Esta Espiña queda moi cravada na alma da nosa patria grazas Manuel polo teu amor a nosa Galiza.Deixasnos un pouco orfos coa tua ida,pero estou seguro que ala donde estes seguiras-nos alumeando ca tua luz.
Fuches dos bos e xenerosos por iso estaras sempre con nos.Grazas compatriota non te esqueceremos.

[01-03-2010 ] salgado comentou:

Xigantes como o Espiña,deixan un gran oco no noso corazon e na nosa Patria, hasta sempre compañeiro.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña