12:14 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2010

Rajoy ten unha única receita: adelgazar o Estado

Parole, parole, parole,...

Valorar (13)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



O Partido Popular vive reinventando, ou máis ben pervertendo, coa complicidade dos seus amplificadores mediáticos o significado das palabras.

Logo de máis de tres anos de abrollar con toda a súa crueza a crise económica na que estamos inmersos por fin o líder do Partido Popular, Mariano Rajoy, desvendou algunha das súas propostas para facerlle fronte a esta.

Non foi a través de propostas concretas formuladas en sede parlamentar senón a través dunha extensa entrevista nun xornal onde ao fin soubemos que o seu modelo, as fórmulas das que gosta son os recortes sociais anunciados por Cameron no Reino Unido.

Rajoy ten unha única receita: adelgazar o Estado. Mais non debemos caer na trampa de pensar que a dieta á que o Partido Popular pretende someter ao Estado se reduce unicamente a seguir os pasos de Cameron no despido de medio millón de empregados públicos, trátase dunha dieta moito máis radical,  é a dieta neocon, é dicir adelgazar o Estado até a súa práctica desaparición para que así engorden os mercados.

Ademais de intuír as receitas do Partido Popular pola súa instalación ideolóxica e política: opóñense á reforma laboral do Goberno socialista por oportunismo mais sobre todo porque quixeran ir máis lonxe nos recortes e na liberalización das relacións laborais, opóñense á reforma do sistema público de pensións por oportunismo mais tamén porque en realidade se puidesen optarían pola súa desaparición deixando en mans da gran banca a xestión das nosas pensión do futuro, e así poderíamos poñer múltiples exemplos máis.

O certo é que os e as galegas, ademais do método dedutivo ou intuitivo, para saber en que consiste a dieta Rajoy contamos coa experiencia da política que está aplicando o seu avantaxado pupilo Núñez Feixóo na nosa nación.

Non hai máis que ver os orzamentos xerais para 2011 que presentou o Goberno Galego e que se están a tramitar no Parlamento de Galiza. Detrás das proclamas do Partido Popular da austeridade, da eficacia e de ser uns orzamentos sociais escondese unha realidade ben outra.

O que evidencian estas contas públicas é a renuncia do Goberno a utilizar os instrumentos do autogoberno e os recursos dos galegos e galegas para actuar fronte á crise, recoñecendo no propio documento orzamentario que a previsión de incremento do PIB galego para o 2011 nun 1% depende exclusivamente da actuación do sector privado xa que cifra a incidencia da actuación pública na economía nun decrecemento do 2%. A pregunta sería ben sinxela, daquela para que serve o poder político galego?

Mais o adelgazamento da actuación pública non fica aí, os recortes froito da suposta austeridade tampouco son neutros. A redución orzamentaria non leva por diante gastos correntes, aqueles que só serven para o mantemento do funcionamento da propia administración, senón que os grandes sacrificados son os servizos públicos e sociais, (máis de 183 millóns de redución na sanidade, 160 en educación e máis de 30 nas achegas á dependencia) as políticas de fomento do emprego e os investimentos produtivos.

Hai unha comparación que ilustra con clareza esta afirmación. Mentres o orzamento da Xunta se reduce en algo máis dun 10%, o da Consellaría da Presidencia, presidida por quen parece estar en posesión da patente desa pregoada austeridade, redúcese en apenas un 1% tratándose dun departamento que non realiza ningún investimento produtivo nin de atención ás necesidades da cidadanía e que destina o 80% dos seus recursos a manter o funcionamento ordinario da propia administración,  fronte ao máis do 20% dos da Consellaría do Medio Rural, máis de 136 millóns de euros que se reducen fundamentalmente de programas de mellora das condicións de vida no medio rural, das medidas de cambios das nosas estruturas produtivas (concentracións parcelarias, mobilidade de terras improdutivas agrícolas e forestais) e do apoio aos sectores agrícolas, gandeiros e forestais que están a padecer con especial virulencia as consecuencias da crise.

Os sectores produtivos fican esquecidos do poder político quedando a mercé do mercado e só poderán contar cos medios que este lles preste ou cos seus propios para facer fronte a esta situación de crise.

Onde mellores resultados obtén a dieta do Partido Popular no adelgazamento do Estado, á vista dos orzamentos elaborados pola Xunta, é na súa desaparición, a desaparición do público, do que ten control democrático, na construción das grandes infraestruturas viarias e sobre todo das infraestruturas sanitarias. O público renuncia a favor do privado, a administración deixa a planificación e xestión da sanidade pública en mans da especulación e do mercado, deixando bos dividendos na conta de resultados dos grandes capitais e unha hipoteca de varias décadas sobre o erario público. Hipoteca que obrigará aos galegos e galegas a pagar tres e até catro veces máis do custe real desas infraestruturas e que provocará que a volta de moi pouco tempo que teñamos que pagar máis de 600 millóns de euros ao ano en canons ás empresas pola utilización de estradas, hospitais ou centros de saúde

Este é o auténtico programa do Partido Popular para afrontar a situación de crise,  por máis que viva reinventando, ou máis ben pervertendo, coa complicidade dos seus amplificadores mediáticos o  significado das palabras: orzamentos sociais, orzamentos austeros e orzamentos para facer fronte á crise.


[13-11-2010 14:12] Mario Solinho comentou:

Estando totalmente de acordo co autor do artigo deixo a seguinte resposta no aire: para que as preguntas de Mazaira tomen terra, debe facelas no lugar adecuado ou buscar a información por sí mesmo.
Sobre o emprego e o tamaño do sector público, incluido administracións locais, pode consultar o blog de Vicenç Navarro, catedrático de políticas públicas na universidade de Barcelona.
Unha escolma dos seus artigos traducidos ao Galego están na web Avantar da CIG; neles están os datos que busca.
Maestros, catedráticos, etc. non só traballan cando dan aulas, do mesmo xeito que eu mesmo non traballo só cando visito clientes ou atendo as súas reclamacións.
Desempeñei un cargo político na administración e non vin un can nin durante nin despois - nin me quedou pena por iso-; outra cousa son os "altos cargos", e outra aínda os que sedo funcionarios, son ou foron ao tempo altos cargos.
Fariña doutro saco son os representantes políticos profesionalizados; se son necesarios é de caixón que hai que mantelos, tanto no exercicio como cesantes.
A producción de calquera unidade económica non é só material senón que inclúe utilidades necesarias para a vida da comunidade, da "polis"; que a "producción" das administracións locais non sexa a desexabel non quer dicer que sexa cero....Tamén é certo que o seu deseño e mesmo a súa financiación non son as acaidas para poder funcionaren con "autonomía", unha cuestión moi relacionada coa natureza Centralista e Autoritaria do Estado Imperialista Español. Non é casual que as únicas administracións asequibles ao movimento popular, nacional ou de esquerda, esté amarrado en curto.
Solución:, Soberanía Nacional e de Clase; Socialismo, vaia...

[12-11-2010 19:02] MAZAIRA comentou:

Estando totalmente de acordo contigo, deixo estas cuestions no aire:
Non e certo que a administracion esta moi sobrecargada de man de obra?
Non e certo que hai funcionarios (chamense profesores de universidade e de institutos ) que traballan 10 horas semanais e teñen unha nomina de 2000 e casi que 3000 euros?
Non e certo que as deputacions e concellos estan sobrecargados de persoal e a súa produccion e cero? con nominas de 1500 a 2000 €.
Non e certo que os politicos que desempeñan un cargo na administracion (cargo politico) despois cobran durante varios anos unhos salarios de indemnizacion descomunales.
Ocurresenos algunha solucion para estos problemas. Xa sei que con esto non salvamos a situación, pero si axudaría a aliviar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña