22:37 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2010

¿Loitaban estes nobres pola independencia galega?

O papel da Nobreza na Idade Media Galega

Valorar (28)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



O meu anterior artigo, unha pequena visión sobre a figura de Pedro de Bolaño, suscitou certa controversia por un parágrafo final no que eu me preguntaba se este nobre galego loitaba polo seu propio interese ou polo de Galiza. Coidaba que deixara ben claro que eran os dous intereses, o propio e o galego, os que motivaban a Pedro de Bolaño. Un lector expresou as súas dúbidas cas seguintes palabras "É evidente que loitaría polos intereses propios, polos da familia, polo apelido e polas súas propiedades que incluían ás masas de labregos escravizados polo poder feudal.O concepto de Galiza entendido como pobo, como cidadanía, como nación, non era o que defendían os señores feudais senón que participaban de bandos, de loitas intestinas, de roubos e saqueos, entre os propios aristócratas". Estas contundentes frases fanme ver que non souben explicar ben a motivación dos actos de Pedro de Bolaño e de parte da alta nobreza galega de fins do século XV, polo que me vexo na obriga de facelo neste artigo.

Debo deixar ben claro que eu non me imaxino ao Mariscal Pardo de Cela no momento da súa morte, naquela praza de Mondoñedo ateigada de xente arengando a esta sobre a liberdade, a igualdade social e a independencia desta terra nosa. Tampouco o imaxino dicíndolle ao verdugo "prefiro morrer libre que vivir escravo", isto sería máis propio dun guión de Hollywood que da realidade histórica.

Que Pardo de Cela loitaba polos intereses propios e familiares é certo, como tamén o é que coa morte dese personaxe esvaecíanse as derradeiras esperanzas de conseguir unha Galiza independente do poder central, que os novos reis (Fernando e Isabel) encarnaban. A anulación física e social de persoeiros tan sobresaíntes da nobreza galega como son Pardo de Cela, Pedro de Bolaño, Pedro de Soutomaior (Madruga) e Rodrigo Osorio (o rebelde Conde de Lemos) significou o fin da loita contra o novo poder real, traendo consigo o sometemento total de Galiza a un novo poder emanado de Castela. Esta "doma e castración" contou co apoio nobiliario castelán e galego. A nobreza de primeira e segunda fila galega, unha vez descabezada a rebelión, busca o calor real, as dádivas e as concesións territoriais pola súa parte aportan un apoio incondicional ao modelo estatal centralista. Estes nobres de fins do XV pelexan por intereses propios e familiares pero ao mesmo tempo que pelexan polos seus intereses están acabando coa posibilidade dunha independencia territorial.

Se miramos o que acontecía no século IX en Galiza veremos que existe unha poderosa alta nobreza á que hai que consultar cando se elixe un rei, o que vai en detrimento do poder real, de aí que a monarquía busque asentar a capital do Reino lonxe do territorio galego, evitando así a presenza física da nobreza galega e recibindo o apoio da nobreza palatina (asturiana nun principio e leonesa con posterioridade). Como vemos asistimos a unha situación onde a nobreza galega loita polos seus propios intereses, mante-la posición hexemónica, pero ao mesmo tempo estes intereses benefician a Galiza. ¿Loitaban estes nobres pola independencia galega? Non. ¿Conseguía a nosa terra máis poder e peso político cada vez que estes nobres loitaban polos seus intereses particulares e familiares? Si.

Son os intereses propios e familiares os que motivan á nobreza galega dos séculos XIV e XV a vincularse a unha corrente atlantista fronte a outra mediterránea. O achegamento da nobreza a Portugal é beneficioso para os nobres pero  ao mesmo tempo Galiza é beneficiada, intentando darlle un papel máis destacado no mapa político peninsular.

Por iso non podemos dicir que a nobreza galega tan so loitaba polos seus intereses persoais porque, como estamos a ver, moitas veces coincidían cos intereses nacionais galegos.

Para que o noso país seguise a ter peso no panorama político tan so se pode contar ca nobreza, descartando completamente á realeza e á igrexa.

O mundo eclesiástico viviu sempre moi vinculado ao poder real, sendo, na maior parte dos casos, un amigo fiel na loita da monarquía contra a nobreza. ¿Que é Santiago de Compostela? A cidade do apóstolo é posible grazas ás exencións tributarias e doazóns territoriais da monarquía que pretende crear un estamento eclesiástico forte e poderoso cun bispo, posteriormente arcebispo, que faga fronte aos intereses nobiliarios.

A igrexa galega é contraria a calquera movemento segregacionista que conleve a perda de tódolos privilexios recibidos da monarquía. Desta apática igrexa destacaríamos a figura sobresaínte de Xelmírez, que nun hábil e complicado xogo de alternancia política apoiará á raíña Urraca, ao seu fillo o rei Afonso VII e á nobreza galega encabezada por Pedro Froilaz, conde de Traba. Consegue, con estes múltiples apoios, beneficios para a súa persoa, para a súa igrexa, para a súa cidade e para Galiza.

¿Por qué Pedro Froilaz encabezou o exército galego que repeleu a invasión da raíña Urraca e o seu segundo marido Afonso de Aragón? ¿Por que corou en Santiago de Compostela a Afonso VII, fillo de Urraca e do seu primeiro marido, como rei de Galiza? ¿Fixo todo isto soamente movido polos intereses persoais ou familiares? Coido que non.

Dicir que os nobres galegos só tiñan en mente os seus intereses persoais é reducir a súa mínima expresión o importante e decisivo papel que xogou a nobreza galega na historia da nosa Idade Media. 


[11-11-2010 21:26] Roberto López (Cerdido) comentou:

Só apuntar novamente o gustoso que fora atopar un novo apartado, portelo(xunto a Política e Sociedade, Cultura, Economía, Internacional)adicado á Historia de Galiza. Onde atraverso de artigos coma iste, poidéramos ir ilustrándonos, dende unha óptica nacionalista, da nosa historia. Con gráficos cos nomes dos reis, a súa relación familiar, a nobreza, figuras da burguesia, políticos, etc, etc.

[11-11-2010 06:16] Abelardo Xosé del Caño comentou:

Xenial! Mais penso que para os que coma mín gostamos da Historia, non estaría de mais clarexar aos legos que as Nacions, non son só papeis mais tamén xente. Xente de todas clases, Nobres, labregos, burgueses....e cada un loitando polos seus intereses de clase loitan tamén polo interese xeral, seguramente sen coñecemento e sin propoñelo!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña