07:43 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2010

Dubidei se determe nas desfeitas do PSOE no goberno do estado ou nas do PP no desgoberno de Galicia

“Cabaleiros, xa que gobernamos mal, procuremos gobernar barato”

Valorar (18)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Como deixou dito Jeannine Baticle, especialista en Goya, "hai que ter un optimismo a toda proba para se dedicar á profesión de historiador, porque vemos que ao longo dos séculos se cometen os mesmos erros unha e outra vez, e os que teñen o poder, sobre todo en épocas de crise, perden a cabeza con facilidade". Por estes eidos dicimos que costa abaixo tódolos santos axudan. Efectivamente, levar o barco con bo vento é doado mesmo para principiantes nas artes haliéuticas; pero marear con mar de leva e vento atravesado precisa de auténticos homes de mar.

Chegado a este estadio, aínda cría, do artigo, dubidei se determe nas desfeitas do PSOE no goberno do estado ou nas do PP no desgoberno de Galicia. Non é a primeira vez, nin será a derradeira, que tomo prestadas ideas e mesmo parágrafos de Julio Senador, autor incomprensiblemente esquecido. Dicía, en 1905, este notario rexeneracionista e seguidor de Joaquín Costa que o partido de Cánovas, autodenominado liberal conservador, era "liberal de aquel liberalismo que fixo ricos aos seus secuaces; e conservador polo que lles interesa conservar". Do partido de Sagasta dicía que tamén principiou sendo liberal e, segundo as circunstancias, foi mudando o apelido de "progresista, unionista, esquerdista, fusionista e outros innumerables; e que hoxe finalmente non sabemos xa como se chama". Noutra ocasión, eu dixen que si sabemos: chámase PSOE.

Continúa Senador: "Estes dous partidos son as bases de sustentación do réxime (referíase ao da Restauración Borbónica; outro tanto poderiamos dicir hoxe e eu mesmo toquei isto nun artigo anterior). Sobre esas dúas rodas marcha penosamente, desde fai case un século, o carro do Estado, dando tombos polas fochancas dun longo e triste camiño cuxo fin non se albisca".

Non se enxergaba a fin, daquela, nin se enxerga hoxe, porque os dous partidos hexemónicos se dedican a rifar entre eles, aparentando que van en serio, cando, en realidade, só se trata dun xogo, dun amago de loita que lles permita a alternancia no poder cada certo tempo. Efectivamente, se podemos aguantar unha lexislatura máis, tentarémolo; pero se non é posible, xa volveremos proximamente, pois entre ámbolos dous nos encargaremos de facer "leis de partidos" e todo o que faga falla para que non se nos cole ninguén nin nos medren os ananos. Os demais grupos son un mal inevitable e hai que mantelos no seu sitio. Non teño dúbida de que segue a ter validez aquel pareado que tantas veces, noutros tempos máis belixerantes -e ilusionantes-, berrabamos nas manifestacións con respecto ao PSOE e ao PP.

Dos detalles da política económica e social que está a facer o goberno do Estado, non é preciso falar neste foro, considerando o nivel de información dos seus lectores. Unicamente quero insistir na idea de que as políticas de dereitas son mellores se as deseña e executa o orixinal que se o fai a copia; que se no PSOE quedase algo de socialismo, preferiría o suicidio, non do partido, senón dos actuais dirixentes, antes de facer que o rostro de Pablo Iglesias, pendurado nas súas sedes, virase, agora si, cromaticamente vermello de vergoña; que nos insultan ao diciren que demostraron o seu interese polo social, cando lles deron non sei cantas cousas aos máis necesitados; pero que agora -malgré eux- se ven na obriga de llelas quitar; que lles falta valor, ou interese, por facer unha reforma fiscal realmente socialista e así, xa sen entrar nas incumpridas promesas electorais encol da cuestión relixiosa, poderiamos seguir ad nauseam.

En canto á desfeita que o PP está a facer en Galicia, deixando para outra mellorada falar da miña admiración por se teren xuntado nun mesmo goberno tal cantidade de ignorantes que fan bo aquilo do atrevemento, o mesmo que do aspecto fulcral da lingua, da esencia do noso ser e estar no mundo, para centrármonos unicamente nos aspectos económicos, só se me ocorre traer aquí aquela definición que Voltaire fixo da política: "A arte de sacar a maior cantidade posible de diñeiro a tódolos individuos dunha nación para repartilo entre uns poucos". Son tantos os casos, desde o repartimento dos parques eólicos ata as subvencións selectivas aos seus voceiros mediáticos, que non chegaría a páxina web para metelos todos. Pola proximidade dos feitos, citarei tan só o dispendio nunha goleta que -segundo o presidente da Xunta- se vai facer en Ribeira (ou nunha carpintería de ribeira?), así como os fondos -retirados case en fóra de xogo, aínda que, sen dúbida, se investirán noutra comenencia- para unha campaña a prol do estrago que fixeron do ensino ou, xa rematando, a dilapidación de varios millóns na visita dun mandatario estranxeiro, xefe dunha confesión relixiosa que semella ditar a política, neste caso tamén do Estado, desde o avión que o trae a Compostela.

Xa, naquel recuado 1905, lle dicía Senador aos dous partidos: "Só correriades perigos de consideración, se o pobo espertase; pero non espertará. Xa procuraredes vosoutros adurmiñalo con embustes; envelenalo con relacións de crimes; encanallalo nas prazas de touros". Mágoa que, engado eu, cando menos, non apliquedes a frase de Sagasta aos seus ministros: "Cabaleiros, xa que gobernemos mal, procuremos gobernar barato".

A culpa é dos dirixentes, pero foi o pobo quen os subiu aos respectivos poleiros, polo que quero case rematar, como empecei, cunha cita de Baticle: "As nacións nunca son de todo inocentes das catástrofes que provocan os seus gobernantes". E, vista e sufrida a situación do Estado e da nosa Nación, contra os cínicos que defenden aquilo de que xa que a casa está a arder, polo menos quentémonos, asumo e comparto o Unamuno de 1896, cando, anoxado, escribiu: "Dan gañas de se facer místico, retirarse a unha ermida e contemplar o propio embigo ata caer nun doce sono hipnótico".    


[09-11-2010 00:24] BNG: Coidadiño co PSOE! comentou:

Un brillante artigo no que se ve con claridade o que era o bipartito que había no século XIX e o instalado hoxe en día entre o PP e o PSOE. É tan condenábel un partido como o outro. Non se esqueza, como parece que se esqueceu, que tan malo é o PP como o PSOE. Que son as dúas caras da mesma moeda. E a mesma moeda é neoliberalismo, centralismo, monarquía, igrexa católica, OTAN, apoio ás grandes empresas capitalistas, política contra a clase obreira e contra a clase media, desarrollismo, destrución do medio ambiente, etc.
Agora Zapatero e Rubalcaba, con este cambio de goberno que fixeron, queren volver enganar aos electores aparentando ser máis de esquerda e progresistas.
Téñase en conta todo isto por parte dos dirixentes políticos que están como tolos por volver a caer nos brazos do PSOE en coalicións nas que lles tocará o papel de servos e polas que volverán a decepcionar á esquerda social.
Estaría ben que o BNG non volvese a pactar nos concellos, nas deputacións e na Xunta co PSOE da maneira que o fixo, entrando nun debacle por iso desde hai dez anos.
Antes de decepcionar en coalicións co PSOE, mellor afortalarse na oposición buscando tamén quedarse cos votos da esquerda social que aínda poida ter o PSOE, votos en boa parte de enganados.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña