14:11 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-11-2010

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza entende que os lexisladores galegos se apoderaron de competencias exclusivas do Estado

Todos iguais perante a Lei?

Valorar (12)

EDUARDO ÁLVAREZ



O día 21 do pasado mes de outubro, na parroquia de Vilar de Donas do concello de Palas de Rei, Xosé Parada, obreiro da construción de 58 anos e en situación de desemprego, a súa muller e máis a súa filla foron privados da vivenda en que moraban porque o edificio carecía de permiso e fora declarado ilegal pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta. Na cidade de Vigo existen unhas dúas mil vivendas ilegais que, despois mesmo de sentenzas xudiciais firmes, seguen en pé. Na cidade de A Coruña, por citar un só exemplo, o Tribunal Supremo, nos primeiros meses deste mesmo ano, declaraba que a licenza para a construción do edificio FENOSA fora ilegalmente outorgada porque non se axustaba ás normas urbanísticas en vigor. Xosé Parada, obreiro en paro, e a súa familia foron sorprendidos nas primeiras horas da mañá deste día de outubro por unha escavadora que reduciu a cascallos a casa que co seu propio traballo conseguiran erguer durante anos de aforros. Os edificios ilegais de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense... manteranse en pé e, agás algunha excepción, xamais serán derrubados.

Ese mesmo día 21 de outubro, o Tribunal Constitucional admitía a trámite a cuestión de incons­­ti­tu­cio­nalidade promovida polo Tribunal Superior de Xustiza contra a disposición do Dereito civil galego que considera as unións de feito cos mesmos efectos xurídicos que o matrimonio. Concretamente, a presunta inconstitucionalidade refírese á Disposición adicional terceira, que literalmente afirma: Para os efectos da aplicación da presente Lei, equipáranse ao matrimonio as relacións maritais mantidas con intención ou vocación de permanencia, co que se estenden, polo tanto, aos membros da parella os dereitos e as obrigas que esta Lei lles recoñece aos cónxuxes. Ademais da regulación legal sobre as parellas de feito que se realiza en Galiza desde o ano 2006, outras doce comunidades autónomas tamén contemplan normas semellantes á nosa. A máis antiga, a de Catalunya, data xa de 1998; e máis recente, a de Cantabria, está en vigor desde 2005. Todas elas veñen coincidir en que regulan os dereitos e os deberes dos membros da parella de feito dunha forma semellante a como contempla o réxime xurídico o matrimonio nos respectivos territorios.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza entende que os lexisladores galegos se apoderaron neste caso de competencias exclusivas do Estado porque o art. 149.1.8 reserva para o Parla­mento español a regulación das relacións xurídico-civís relativas ás formas de matrimonio.

Dentro de pouco, os galegos poderemos comprobar como a escavadora do Tribunal Constitucional derrubará tamén esa norma do noso Dereito civil e poderemos constatar así mesmo como doce comunidades autónomas seguen a manter as normas aprobadas polas súas respectivas asembleas parlamentarias cun contido semellante ao que será declarado inconstitucional para nós.

Todos somos iguais perante a Lei e súa aplicación?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña