10:36 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2010

Quen quererá ser o responsábel de non aproveitala?

A ocasión píntana calva

Valorar (33)

CÉSAR MOSQUEIRA LOURENZO



Quen quererá ser o responsábel de non aproveitala?  

1.- Galiza é unha nación que tivo, e aínda ten, todas as condicións e posibilidades para ser un país rico, próspero e cun grande nivel de desenvolvemento autocentrado.

2.- A histórica inserción dependente dentro do Estado Español tivo como consecuencia toda unha serie de medidas arbitrarias que imposibilitaron desenvolver as nosas posibilidades.

3.- O Tratado de Adhesión á CEE foi tremendamente prexudicial para Galiza. As súas determinacións foron letais para unha inmensa variedade de sectores produtivos galegos.

4.- O Tratado de Maastrich fixou unhas condicións e un marco de xogo económico dentro da UE contrario a que as Administracións Públicas actuasen para corrixir dinámicas económicas xa instauradas.

5.- A Constitución Europea, despois Tratado de Lisboa, tratou de afondar aínda máis nese deseño liberal, contrario ás conquistas sociais e aos dereitos das nacións sen Estado.

6.- Situación normativa actual: as desfeitas que o Estado español e a UE causaron na economía e no tecido produtivo galego con decisións estritamente políticas, está prohibido corrixilas con outras decisións políticas favorábeis.

7.- A situación é bastante agónica; todos os indicadores comparativos reflicten unha realidade económica bastante desastrosa; só se mantén a renta per cápita a base de perder peso demográfico relativo de forma acelerada e continua.

8.- Co neoimperialismo (globalización), neoliberalismo, pensamento único, e posmodernidade en pleno auxe e coa economía dos estados do centro do sistema en liña alcista, a situación de Galiza e do nacionalismo eran difíciles.

9.- Chegou a crise, esta profunda crise á que non se lle ven visos de saída a curto prazo, esta crise sistémica que fixo abanear os cimentos do sistema capitalista na súa fase actual.

10.- Despois de iniciais titubeos, a saída que lle pretende dar a U.E. á crise consiste en afondar na política económica de Maastrich e nas medidas que a provocaron. Se tes tise, receita: máis bacilo de Koch.

11.- O BNG está nunha boa situación, con unha traxectoria impecábel: a nosa oposición ao Tratado de Adhesión, a Maastrich, á Constitución Europea, constitúen activos de grande valor, así como a noso posicionamento contrario ao neoliberalismo, á economía especulativa, etc.

12.- Retomemos o discurso básico, simple, directo; poñamos en valor a nosa traxectoria. Non temos nada de que arrepentirnos en materia socioeconómica, a diferenza dos defensores do sistema.

13.- Fagamos conciencia de pobo, de país, de nación; fagamos conciencia de que existen modelos alternativos máis exitosos, de que o actual só beneficia aos especuladores e mantén a dependencia.

14.- Os expertos demoscópicos vaticinan que a crise vai a aumentar os apoios electorais a forzas políticas “alternativas” por un simple rebote “técnico”, polo desencanto de parte dos electores coa súa forza política “natural”.

15.- Esquezámonos de teorías de “votos prestados”, que levan implícita a suposición de que o sistema político económico e as forzas políticas que o representan (bipartidismo), son a única alternativa posíbel, a “natural”.

16.- O nacionalismo galego ten o seu espazo propio; traballemos para agrandalo, para facer cada vez mais conciencia nacional. Cada vez mais pobo consciente é a garantía de futuros éxitos electorais.

17.- O sistema é excluínte tanto para as nacións sen estado como para as forzas políticas que non entran no seu deseño. Non sexamos inxenuos; nunca vai contemporizar con Galiza nin co nacionalismo galego.

18.- Batamos no inimigo, no sistema que nos nega e oprime como nación, con decisión; se non o facemos agora que está debilitado, agora que as súas contradicións resultan evidentes, non o faremos nunca.

19.- As divisións internas do BNG, supostas ou reais, permitirannos ter decisións e actuacións comúns? Todo o que se está propoñendo non será un mero “desideratum”?. Non, non e non; o noso país e a nosa organización non se poden permitir tal irresponsabilidade.

20.- O BNG, con maior ou menor rapidez, con máis ou menos titubeos ou dificultades internas, sempre soubo dar respostas acaídas a cada conxuntura. A pesar de todos os pesares, estou convencido que saberemos estar a altura das circunstancias actuais. Colectivamente, a inmensa maioría, a organización, a nación. Acredito, estou convencido, estou seguro; e se alguén se quere quedar atrás ou ir polo lado, seguiremos con forza cara adiante. Xa terá tempo, se quixer, de recuperar o camiño e o ritmo. Sempre nos topará cos brazos abertos. Nesta loita de longo percorrido non sobra ninguén, absolutamente ninguén que queira defender á nosa nación. Adiante! Adiante con convencemento, con ánimo, con decisión. É o reto dos tempos. Afrontémolo con enerxía, con xenerosidade, con valentía. Cumpramos con Galiza, cumpramos co BNG!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña