18:28 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2010

Segundo período de goberno da esquerda no país latinoamericano

“El Pepe” Mujica, ex-guerrilleiro tupamaro e candidato da Fronte Ampla asume a presidencia do Uruguai

Valorar (13)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


“Pepe” Mújica


A Fronte Ampla, que goberna Uruguai desde o 2005, inicia hoxe 1 de marzo un novo período de goberno de cinco anos; nesta ocasión  baixo a presidencia de Pepe Mujica e repetindo a maioría aínda que máis axustada nas duas cámaras lexislativas, pois contan con 16 senadores dun total de 30 e 50 deputados dun total de 99.

Si no ano 2005 o acceso da esquerda ao goberno por primeira vez na historia supuxo unha verdadeira revolución nun país que levaba 170 anos de gobernos de dereita e unha sanguenta ditadura militar, este segundo período gubernamental debe ser de profundización nas políticas transformadoras iniciadas. Todo fai pensar que a traxectoria de Mujica, dirixente da guerrilla tupamara con case 15 anos de prisión ás súas costas, e o feito de que a súa elección como candidato á presidencia pola Fronte Ampla sexa froito do entendemento entre o Movemento de Participación Popular do que procede e o Partido Comunista do Uruguai, daranlle a este segundo goberno un perfil máis de esquerda en base ás liñas programáticas aprobadas no V Congreso Extraordinario da FA.

A Fronte Ampla creouse no 1971 como alternativa unitaria da esquerda uruguaia; conta cunha doble estrutura, a dos comités de base dos que forma parte toda a militancia e a dos sectores políticos que son os partidos ou tendencias organizadas na mesma. Reune neste momento máis de doce colectivos e partidos que van desde comunistas, socialistas, tupamaros, trotsquistas até demócrata-cristianos,  coas contradicións e tensións propias dunha organización tan heteroxénea pero cunha profunda cultura unitaria e de fidelidade ao proxecto. Defínese como unha forza política de cambio e xustiza social, progresista, democrática, popular, antioligárquica, e antiimperialista, con carácter de coalición e movemento, con respeto recíproco á diversidade ideolóxica, funcionamento democrático e unidade de acción.

Foron moitos os logros acadados polo primeiro goberno da Fronte Ampla no período 2005-2010, pois coa presidencia do socialista Tabaré Vázquez conseguiron estabilizar unha economía nacional que cando chegaron ao goberno pasaba por unha profunda crise financieira iniciada no 2002, crise debida fundamentalmente ás graves consecuencias da retirada de depósitos bancarios en dólares que tiñan nos bancos uruguaios milleiros de arxentinos.

Hoxe todo o mundo recoñece os efectos positivos do forte investimento público en educación e infraestruturas xunto coa corrección dos déficits sociais, a importante redución do desemprego e o aumento da industrialización manufactureira e das exportacións.

Sendo o obxectivo principal na acción do novo goberno esa profundización nas políticas económicas e sociais que permitan a mellora do nivel de vida das clases populares e un avance na independencia económica do país, a Fronte Ampla deberá encarar ademais diversos retos e contradicións internas, xeradas pola diferenza de perspectiva na actuación política entre cadros que están no goberno e outros presentes nas organizacións sociais e de masas.

Os dous retos máis importantes son a necesidade de aumentar a base de apoio popular da FA e de mantela tensionada e informada para que sexa o principal instrumento de explicación e propagación dos logros gubernamentais. Os resultados electorais  amosaron de novo un país dividido case pola metade, dado que o triunfo nas eleccións lexislativas foi pola mínima perdendo a FA dous lexisladores ao respecto de 2004, e en canto á elección de Presidente algúns sectores argumentan que o exceso de confianza no lucimento do traballo feito desde o goberno provocou unha desmobilización de parte das súas bases, feito que xunto a unha burocratización da estrutura partidaria central provocou un susto importante cando na noite do 25 de outubro se atoparon con que debían ir ao "balotaje" (segunda volta) un mes despois, e ademais non se acadara a porcentaxe suficiente de apoio para aprobar o dereito a voto dos uruguaios residentes no exterior e a anulación da lei de cadicidade dos crimes da ditadura que se someteran a referéndum na mesma data.

E en canto ás contradicións na pasada semana asistimos nos medios de comunicación a un enfrontamento entre a central sindical única PIT-CNT que está fondamente comprometida no proceso de cambios e Mujica, diante da intención do presidente electo de contar con financiamento procedente de empresarios para os festexos que se celebran a continuación da súa toma de posesión, financiamento no que ao final se deu marcha atrás e que era considerado pola central como unha privatización dun acto popular.

Segundo manifestou o coordenador da central Juan Castillo, que foi candidato da FA ao parlamento por Canelones o 29 de outubro, tentaron durante días tratar discretamente esta cuestión con Mujica, para que non se dera unha utilización por parte de medios de comunicación sempre dispostos a levantar contradicións entre as forzas populares,  pero non foi posíbel.

En novembro de 2008 deuse outra contradición entre goberno e organización política cando o presidente Tabaré Vázquez vetou a lei de despenalización do aborto que viña de ser aprobada no Congreso e no Senado pola Fronte Ampla.

Aos retos e ás contradicións referíase nos actos de celebración dos 39 anos de creación da FA o pasado 5 de febreiro o seu actual presidente Jorge Brovetto, que advertía ese día do perigo de afacerse a ser un partido de poder e non atender á crítica interna. E tamén hai uns meses o senador e secretario xeral do Partido Comunista Eduardo Lorier falaba nunha entrevista xornalística da urxente necesidade de ter maior iniciativa social dándolle un pulo ao traballo dos comités de base.

No Uruguai encaran cinco novos anos de goberno da esquerda, período que ten o seu primeiro exame xa á volta da esquina, pois o 9 de maio celebraranse eleccións municipais e a Fronte Ampla agarda revalidar resultados e manter a Intendencia de cidade de Montevideo, na que vive a metade da poboación do país e que está gobernada desde hai 20 anos polos fronteamplistas.


[07-03-2010 ] Miguel Carballa comentou:

Discurso de investidura do Pepe Mujica, un home do pobo, humilde e campechano. Que presidente de estado sairía en Callejeros Viajeros e encima co comentario: "me salió una changuita (chollito) de presidente"...?
http://www.presidencia.gub.uy/scioticias/2010/03/2010030104.htm

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña