SÍ HAI FRONTEIRAS


Tremendo talento ninguneado por tres persoas dun xurado que fan pensar que de música saben o que eu de metafísica, tres persoas que non lles interesa poñer voz galega á multiculturidade do Estado Español, non lles interesa en absoluto mais iso xa o sabíamos, penso. Non só é unha canción, representa moito máis, unha oda á diversidade, á solaridade, á fraternidade, á convivencia coa riqueza das nosas linguas, é poesía. É memoria, é futuro, a forza das súas voces, moito máis que unha posta en escea, foron quen por uns días de unir a un povo, non quero ser esaxerada pero é que en tres días vin máis unión e afinidade entre nós e con xente do Estado Español que valora e recoñece o noso, que en calquer evento deportivo ou doutra índole.

Tres rapazas que en tres minutos fixeron un intre un mundo mellor, un mundo que anhelábamos, un mundo que, non creía que existir, onde xa non cabía ilusión nin esperanza. Despois de todo o que estábamos a soñar veu a realidade; o negocio, o negocio dunha produtora que ten detrás todo un laboratorio musical, tres persoas dun xurado condicionado e con condicionantes que non está disposto a admitir mensaxes feministas, nin matriarcais, multiculturais, e xa non só falo das galegas, a opción que tamén era super potente era o tema de Rigoberta, dous temazos que non caben nas cabezas dos de sempre, desa España que tufa, somos a peste, nunca nos quixeron e nunca nos querrán, é o noso sino. E o que máis indigna xa é que non acepten o contido das cancións senón tampouco a calidade musical, si o tema das Tanxugueiras non che atravesa o esprito e que tés que estar morto por dentro. Mais aínda así entendo que haxa persoas no Estado Español que por suposto non se sinta identificada coa proposta que levaron as Tanxus, pero polo menos que se recoñecera un mínimo o traballo destas artistas dende a orixinalidade do espectáculo, e con isto, na vida criticarei a rapaza que gañou , en absoluto, ela non é máis que unha simple peza do mecanismo. Un produto sexualizado, prefabricado, sen ningunha mensaxe interesante, pasado de séculos, calquera dos candidatos que se presentaban eran mellores. Porque poñer compositores independentes á xente da industria internacional non entra dentro dos parámetros do negocio, loxicamente.

E a xente votou, pensando que teríamos un mínimo de voz , pero os que manexaban a barca dixeron que non estábamos a votar ben, que o da democracia sí, pero sen pasarse… nada é novo, nós, as galegas, sempre tivemos que facer moitos sacrificios para chegar a onde outros o teñen tan só por nacer, e aínda que logremos algunha vitoria por moi pequena que sexa o que deixamos no camiño xa é unha derrota en sí. Estamos condenadas a que non nos deixen medrar, e diredes vós, todo isto sácalo por un concurso da tv? non, pero en certa maneira para os máis novos sí, un exemplo para entender o manipulados que estamos, que sempre estivemos á cola de todo, do tan inxusto que, a pesar de vivir no paraíso nos traten como se fose o inferno.

Unha estafa máis , desta volta televisiva. Dunha tv que pagamos todos, gañaron un diñeiral por uns votos que non se tiveron en conta como boa democracia española. E por suposto que é denunciable e como consumidores deberíamos, xa que é un timo, outra chanchullada, impuxéronnos algo que cheira en exceso a corrupción. O pasado rancio sigue vivo na RTVE.

Unha vez máis imponse o diñeiro fronte a cultura, e así con todo. Porque un desprezo así en “Prime time” á nosa cultura faime sentir como dixo Hugo de SonDaRua nun chío: “mais indepe que onte pero menos que mañá”

Todo o peixe estaba vendido e si as tetas dan medo, o galego máis , pero nós nunca xamais esqueceremos o que nos fixeron vivir estas nenas, o respecto e a elegancia de como expoñen a nosa cultura e tradición, as voces, as mensaxes, tanto da letra como dos bailes, dos xestos, esa frescura fai que sexa máis que arte de vangarda, é ARTE en maiúscula . Teñen un nivel que impresiona.
Doutro planeta, e iso non só o sabemos e o vemos as que amamos e idolatramos esta Terra.
Sigamos por favor apoiando a música en galego, os contidos en galego, a cultura en galego, sempre.
Temos moito que aportar e moito que mostrar ao mundo. Porque as fronteiras só están nas mentes e esas son as máis difíciles de derribar.

Grazas por emocionarnos como nunca, Sabela, Aida e Olaia.