Fodechincho real


Non tiña moi claro de que ía escribir este mes, a verdade que se me ocorreu falar de o por que están a chegar porcos bravos ás nosas costas, ou o por que a Galiza está pragada de especies invasoras como o eucalipto, pero ao pensar en dúas palabras: invasor e… costas, ocorréuseme falar dunha visita que tivemos fai un mes no povo onde traballo e vivo. Unha visita especial que fai que coñezas mellor os teus veciños… pero sobre todo por si alguén non coñecía Sanxenxo e o seu alcalde xa non tendes escusa porque non houbo espazo informativo onde non saíra con gran orgullo e satisfacción.

Mais o bo, si breve dúas veces bo, e tivemos unha parte da poboación preocupada e enfadada a partes iguais, porque se rumoreaba que a visita do emérito non ía repetirse e os hostaleiros de Sanxenxo andaban “mosqueados” porque o señor este non acudira as regatas do pasado fin de semana , porque temían anulacións masivas, si , como están lendo, a ese punto chegamos de ter ao Borbón no povo como atracción turística, renta exhibilo como mono de feira, tal cal como no circo; “ pasen y vean” pero, até onde chega o vasalaxe e a preitesía de algúns!!??

Cada un ten as súas preocupacións , mais a min o que me ferve saber é canto nos custou “monetari” a soada visita da súa maxestade; viaxe privado Dubai – Madrid – Madrid –Vigo – Vigo ­–Sanxenxo , manutención , estancia, regata. Sanxenxo - Vigo – Vigo –Madrid, manutención, estancia . Madrid –Dubai , máis toda a comitiva e seguridade .. (e que tanta seguridade houbo esa finde no povo, que como dixo o meu tuiteiro favorito , Cascarelo; “ non sei por que tanta policía en Sanxenxo, se carteiras nunca roubou”) houbo peticións sobre o custo da escapadiña Real de fin de semana pero coma sempre o PSOE protexendo a pouca dignidade que lle queda á monarquía, negándose a facilitar esa información por consideralo un tema reservado, xa é toda unha vida vendo ao PSOE pregado aos latrocinios da coroa. A hipocrisía en toda a súa extensión como selo de identidade deste partido político, cómplices e tapadeira da falsa Transición. 15 veces votaron en contra de investigar ao campechano, 15 veces! A dereita camuflada protexendo e mantendo a inviolabilidade xurídica do rei. 40 anos aos pés da monarquía. Non sei a quen lle escoitei unha vez; “ teñen corazón republicano pero o corpo é monárquico...” A incoherencia como ideoloxía, así definiría eu ao siwanismo do PSOE.
Indo ao tema inicial, sexa como for, si o pagou el, é roubado e si o pagou a Casa Real é noso tamén, nós saímos perdendo de calquera maneira.

País das cloacas institucionalizadas, e aínda por riba un periodismo compracente coa corrupción. Mexan por nós, dicimos que chove e mentres tanto os periodistas abren o paraugas.

En fin, que agora para tapar un pouco o tufiño que vai deixando, seica Facenda, esa a que somos todos … vaino investigar polos gastos das súas cacerías de antano (as de animais) e eu xa vos anticipo que lle vai saír a devolver.